Pontón acusa a Rueda de levar 17 anos "traballando en contra do galego"

Xa existe un gran pacto polo idioma, destaca, o Plan de Normalización Lingüística que establece un 50% de ensino en lingua galega
Ana Ponton
20 May 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “cinismo lingüístico” por dicir unha cousa e practicar xusto a contraria co galego, dado que “leva 17 anos traballando en contra da lingua”, que está nunha situación crítica.

E así o evidencian os datos, alegou Pontón nunha sesión de control na que advertiu que o galego é a única lingua do Estado que perde falantes e que perde competencias lingüísticas.

“O seu decreto da vergoña converteu o galego nunha lingua de segunda”, recriminou a Rueda, ao que lle recordou que só un de cada dous mozos e mozas educadas baixo ese decreto non falan nunca galego, que só o 7% o fala sempre -a metade que en 2018- e, o máis grave, que un de cada tres afirma que non sabe falalo.

Neste contexto, afeou ao titular do Executivo que “se lle encha a boca” dicindo que está indo na boa dirección. “Cal é esa dirección, aniquilar o galego? Se é así, sen dúbida van na boa dirección porque a este paso imos camiño dun lingüicidio”, reprobou.

A líder nacionalista referiuse á manifestación do pasado domingo en Santiago na que miles de persoas encheron as rúas “para defender mil primaveras máis para o galego”, a lingua “que nos une e que nos fai estar no mundo con voz propia”, alegou, pero que lamentablemente está nunha situación crítica tras 17 de “políticas de acoso e derribo” do Goberno do PP.

“A cidadanía deste País estalle pedindo que cambie o chip, que saia de detrás da pancarta en contra do galego e que poña en marcha cambios”, instou a un Rueda ao que lle reprochou que use o goberno do País para traballar en contra da súa lingua, que se manifeste en contra do galego ou que mesmo vote en contra do idioma no Parlamento.

“Alguén se imaxina ao presidente de Euskadi ou de Cataluña votando en contra do euskera ou do catalán? Pois iso é o que fixo vostede, unha indignidade que o perseguirá sempre”, advertiulle.

A portavoz nacional recalcou que, un ano e medio despois da publicación do “dramático informe” do Instituto Galego de Estatística, o presidente da Xunta non só non movese un dedo senón que, ao contrario, mantivo “o decreto da vergoña” no ensino, recortou o uso do galego na TVG, rebaixou o papel do idioma no acceso á Función Pública e continuou incumprindo o Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), “o gran pacto pola lingua aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004” que, entre outras cuestións, establece un 50% de ensino en galego.

A pesar da crítica situación na que se atopa o galego, Pontón trasladou a convicción do BNG en que é posible darlle a volta “se hai vontade política”, para o que puxo enriba da mesa tres propostas concretas. Triplicar os fondos de apoio á lingua, derogar o decreto da vergoña e dar cumprimento ao PXNL, ese gran pacto pola lingua que xa existe e que o PP leva boicoteando 17 anos.

“Din que no BNG non queremos un pacto, pero é que xa temos un pacto, aprobámolo neste Parlamento, é o Plan de Normalización Lingüística”, recalcou na súa réplica a Rueda, ao que instou a aclarar por que rompeu o consenso.

“Sería por puro interese político do Partido Popular? Por unha presa de votos?”, cuestionou mentres mostraba a foto na que o titular do Executivo xa participaba hai 20 anos nunha manifestación en contra do galego, rodeado dos que agora se denominan “Hablemos español”. “Caretas fóra, señor Rueda, leva vostede 17 anos traballando en contra do galego”, sintetizou.

Pontón criticou ao presidente da Xunta que falase de imposición tirando do seu “manual de manipulación”. “De que imposición fala? Onde está o 50% de galego no cine, na escola, nos medios de comunicación, na xustiza, na sanidade?”, interpelou, para recalcar a continuación que “sen igualdade non hai liberdade”. “E iso é o que lle quere vostede roubar ás xeracións máis novas, a liberdade para poder vivir en galego en Galiza, ese é o seu legado”, resumiu.

Por último, cuestionou a Rueda o seu interese real por traballar en favor do idioma. “Se vostede quixera traballar polo galego, aplicaría as medidas que ten no Plan Xeral de Normalización Lingüística, pero realmente o que vostede quere é seguir traballando en contra da lingua”, recriminoulle. Por iso, concluíu, “leva dous anos sen mover un dedo pese a que estamos nunha situación de emerxencia lingüística”.

0.33698916435242