Pontón acusa a Rueda de traizoar aos galegos e someterse ao PP de Madrid: “É o presidente do ‘Non’ a Galiza”

‘Non’ á transferencia da AP-9, ‘Non’ a quita da débeda, ‘Non’ á negociación dun financiamento xusto, ‘Non’ ao galego, exemplifica
ana-ponton-parlamento
8 Jul 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao titular da Xunta, Alfonso Rueda, de ser “o presidente do ‘Non’ a Galiza” traizoando aos galegos e ás galegas pola súa submisión ao PP de Madrid.

Un ‘Non’ permanente ao País que a líder nacionalista exemplificou na negativa de Rueda á transferencia da AP-9, á quita na débeda pública, á negociación dun financiamento xusto ou mesmo ao galego, a lingua de todos e todas.

“Vostede é o presidente do ‘Non’ a 4.000 millóns de quita na débeda pública, unha cifra lograda polo BNG no acordo de investidura que é bo para Galiza e que boicotea só porque non soporta que o conseguira o Bloque”, reprochou na sesión de control a un Rueda ao que tamén afeou a súa negativa a negociar “cara a cara co Estado un financiamento xusto” para o País porque “agacha as orellas e acata as ordes que lles mandan desde Génova” aínda que “iso supoña perder miles de millóns de euros”.

Pontón tamén lembrou que o presidente do Executivo dixo igualmente “Non” ao galego –“a lingua que nos une”, remarcou–, o que considerou “o colmo da indignidade”: “Ser presidente deste País e votar en contra do galego”, sintetizou.

Por último, criticou o “infame ‘Non’” de Rueda á transferencia da AP-9, a “última traizón do PP a Galiza” coa autoestrada. “Porque temos memoria e todos e todas sabemos ben que seguimos pagando a estafa das peaxes grazas a Aznar, que ampliou a concesión ilegalmente durante 25 anos”, advertiu, para concluír que, con esa decisión, “como sempre, ganan as empresas amigas do PP e perden os galegos e as galegas”.

“Este é vostede, o presidente do ‘Non’ a Galiza”, recriminou ao titular da Xunta, ao que afeou que convertera na práctica o seu slogan electoral ‘Galiza primeiro’ nun ‘O PP primeiro, Galiza despois ou Galiza nunca’.

A portavoz nacional lamentou a submisión de Rueda ao PP de Madrid e recordoulle que os galegos e galegas “non lle pagan para ser o mansiño de Génova”, senón para defender o País “sempre e ante todo e ante todos”.

“O triste é que Madrid manda, vostede obedece e Galiza perde”, reprobou ao presidente do Executivo, ao que, utilizando un símil futbolístico en pleno mundial, reprendeu por non vestir a camiseta do País, senón a do PP, permitindo que Galiza “sexa goleada”, traizoando as súas cores.

Neste punto contrapuxo a utilidade do BNG na defensa inequívoca do País a un Rueda que di permanentemente ‘Non’ aos galegos e ás galegas por facer o que lle mandan desde a rúa Génova. “Alá vostede se quere seguir coa camiseta do Partido Popular, eu desde logo teño claro que a miña única camiseta é a de Galiza”, remarcou.

Pontón pediu ao titular da Xunta que deixe de antepoñer os intereses do PP aos de Galiza e reprochoulle que utilizase o tempo da súa resposta a poñer “escusas de mal pagador” para tentar xustificar, por exemplo, o seu voto en contra á transferencia da AP-9.

Neste sentido, recordou que o informe elaborado por unha letrada do Senado a respecto da Lei de Transferencia aprobado no Congreso recolle textualmente que o núcleo da norma está dirixido a fixar o procedemento e as garantías que deben presidir a cesión e que se opta por remitir a concreción técnica do traspaso a un acordo da Comisión Mixta de Transferencias, instrumento clásico da práctica autonómica española para este tipo de operacións.

“Que pasa, señor Rueda, vostede non quere facer o seu traballo ou é que non confía na súa propia capacidade de negociación?”, cuestionoulle sobre este primeiro asunto recollido nun informe que tamén aclara textualmente o alcance da lei, deslindando as obrigas económicos que seguirán correspondendo ao Estado e cales pasarán a ser asumidas pola comunidade autónoma, “evitando que esta última quede exposta a compromisos alleos á súa propia xestión”

Á vista deste informe, a líder nacionalista cuestionou ao presidente do Executivo se “vai seguir mantendo as súas mentiras a respecto do custo da transferencia” e afeoulle en todo caso que agora estea moi preocupado polas peaxes cando no momento no que Aznar deixou atadas esas peaxes até 2048, xa estaba no goberno da Xunta “caladiño e mansiño”.

Actitude, recalcou, na que Rueda se mantén agora, o que explica por que o PP só conseguiu “media competencia” en 17 anos de goberno. “É que claro, como alguén incompetente vai querer competencias”, sintetizou. “O triste é que unha boa noticia para Galiza, como é conseguir a transferencia da AP-9, sexa unha mala noticia para vostede, o presidente do ‘Non’ a Galiza”, concluíu.

0.44791603088379