Pontón acusa a Rueda dunha nova “páxina de traizón a Galiza” ao votar en contra da transferencia da AP-9

A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou ao PP de Alfonso Rueda de “escribir unha nova páxina de traizón a Galiza” votando en contra da transferencia da AP-9 no Congreso. “Unha vez máis, o Partido Popular do ‘Non’ a Galiza, neste caso, por riba, do ganchete con Vox, esperpéntico e vergoñento”, sintetizou.
Pontón recordou en rolda de prensa que co acordo aprobado onte no Congreso, o BNG deu un gran paso adiante para lograr o obxectivo polo que leva moitos anos traballando, conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes.
E faino coa posta en marcha da transferencia da autoestrada a Galiza, cumprindo así o acordo de investidura asinado co Partido Socialista, un acordo que, en relación con esta infraestrutura, xa supuxera previamente a aplicación de bonificacións históricas nas peaxes que están beneficiando a miles de galegos e galegas.
“O BNG é a voz de Galiza en Madrid e así o demostran os feitos”, alegou para contrapoñer a utilidade do Bloque na defensa dos intereses do País en Madrid, fronte a un PP que vota en contra dun acordo beneficioso para o País.
A líder nacionalista advertiu que co seu voto este PP do ‘Non’ a Galiza deixa moitas confirmacións enriba da mesa, a comezar por que “a palabra de Rueda non vale nada”, xa que se posiciona a favor da transferencia da AP-9, pero logo o PP vota en contra “con escusas de mal pagador”, demostrando que o único que estaba facendo era “un paripé e un engano á cidadanía galega”.
En segundo lugar, tamén considerou demostrada a “inutilidade do Partido Popular á hora de defender os intereses de Galiza en Madrid”, o que atribuíu a que Rueda e o PP “sempre poñen os intereses do seu partido por riba dos galegos e das galegas”.
Tamén quedou claro, afondou, que o titular da Xunta non quere máis competencias e que prefire as decisións as tome Madrid pola cidadanía galega, pese a que cando isto sucede Galiza perde.
Por último, afirmou que con esta decisión Rueda volve demostrar que “non soporta a comparación” entre un Bloque capaz de defender o País e que consegue avances concretos, e un PP “incapaz de conseguir nada”.
“E como non soporta este contraste, o que fai é boicotear acordos positivos para Galiza: boicotea a transferencia da AP-9, como xa fixo antes coa quita da débeda de 4.000 millóns de euros, simplemente porque a conseguir o BNG”, afondou. “Rueda é como o can do hortelano, nin come, nin deixa comer”, sintetizou.
Por todo isto, Pontón pediu a comparecencia do presidente do Executivo para explicar o voto en contra do PP á transferencia da autoestrada, antepoñendo os intereses do seu partido aos de Galiza e traizoando novamente aos galegos e ás galegas.
Neste sentido, indicou que o acordo acadado no Congreso recolle todos os elementos que foron aprobados por unanimidade no Parlamento galego, a comezar pola transferencia da titularidade da AP-9 e de todas as competencias na xestión da infraestrutura, incluída a posibilidade de bonificación ou rescate.
Tamén recolle, explicou, que o Estado terá que ser responsable no ámbito económico de todas as decisións que adoptou en relación con esta infraestrutura, o que significa que está garantido o financiamento de todas as decisións que veu adoptado como, por exemplo, as bonificacións en vigor negociadas polo BNG.
Así mesmo, o acordo inclúe a posibilidade de finalizar a concesión como consecuencia do expediente de infracción que se está tramitando neste momento nas institucións europeas pola prórroga ilegal aprobada polo Goberno de Aznar.
“Ademais, esta proposta respecta o autogoberno do noso País, porque a aprobación da lei tense que concretar logo na comisión mixta de transferencias nesa negociación bilateral entre Xunta e Estado, onde poden darme máis pasos cara adiante”, indicou.
A líder nacionalista lamentou que o mesmo PP que impediu o debate sobre a transferencia da AP-9, “cando Mariano Rajoy era presidente do Goberno e Ana Pastor presidenta do Congreso”, segue agora votando en contra porque, en realidade, “non quere que esta infraestrutura, nin que se xestione desde aquí, nin tampouco que haxa unha AP-9 libre de peaxes”.
Por último, Pontón lanzou un último recordatorio a Rueda, ao que lembrou que se non fose pola prórroga ilegal que concedeu o Goberno de Aznar a Audasa até o ano 2048, os galegos e galegas xa estarían circulando por unha autoestrada libre de peaxes. “Seguimos pagando esta estafa por esa traizón do Partido Popular a Galiza, o PP do ‘Non’ ao noso país”, concluíu.
Por outra parte, e a preguntas dos medios sobre os últimos casos de corrupción, a portavoz nacional defendeu en primeiro lugar que a xustiza “ten que ir até o fondo” porque non se poden tolerar casos de corrupción. “Caia quen caia, hai que traballar para que esa forma de actuar se erradique da vida pública porque é un cancro para a democracia”, remarcou.
Neste sentido, tamén recordou que o Bloque xa expresou a súa posición cando comezaron a saír certos procesos xudiciais. “O BNG ten unha liña vermella moi clara e é que, se se demostraba que estabamos ante un caso de financiamento ilegal do Partido Socialista, como tivo o PP coa Gürtel, nese momento a cidadanía ten que tomar a palabra e ten que decidir que futuro quere”, indicou.
“Aí é onde estamos e aí é onde nos mantemos”, indicou, desde a convicción en que a política ten que estar ao servizo da cidadanía e que hai que erradicar as prácticas corruptas que se producen.
“Hai que ir até o final, caia quen caia, e se estamos ante un caso de corrupción e se demostra que hai financiamento ilegal do Partido Socialista, igual que fixo no seu momento o Partido Popular coa Gürtel, nós exiximos a convocatoria electoral”, aclarou.
Pontón compartiu a indignación que provoca ver como PP e PSOE salpican a vida pública con casos de corrupción. “Entendo á cidadanía e a desazón que isto provoca, pero tamén teño moi claro que non todos e todas somos iguais, que a política é a ferramenta que temos para cambiar as cousas e que neste País hai unha forza política como o BNG na que a xente pode confiar”, concluíu.