Pontón celebra a fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como símbolo de identidade

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destaca a creación da fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un paso decisivo para recuperar a xestión civil dun espazo emblemático da memoria colectiva galega.
Panteon de Galegas e Galegos Ilustres
14 Apr 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliñou o “paso decisivo” que supón a constitución da Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres para recuperar a xestión civil dun espazo “simbólico que define a nosa identidade como galegos e galegas”.

“O Panteón é un símbolo de Galiza e claramente nos últimos anos non tivo o papel nin o recoñecemento que debería”, asegurou Pontón, quen valorou a fundación como froito da lei aprobada por unanimidade no Parlamento e como unha oportunidade para dar maior difusión a un lugar no que repousan figuras como Rosalía de Castro ou Castelao, que representan parte da historia colectiva do país.

Durante o acto de constitución, celebrado en San Domingos de Bonaval, a líder do BNG lembrou que Rosalía foi a primeira en ser trasladada ao Panteón e afirmou que “todas as galegas debemos sentirnos simbolizadas no recoñecemento á nosa gran poeta nacional”.

Pontón defendeu que esta fundación servirá para que a sociedade galega, especialmente a mocidade, coñeza “o esforzo de xeracións anteriores por manter viva a nosa cultura e identidade”. E apelou á cesión á fundación da Igrexa de San Domingos de Bonaval, instando a que se faga “coa maior celeridade” para poñer o Panteón “no lugar que lle corresponde”.

Rematou agradecendo o traballo das persoas implicadas na creación da fundación e destacou a importancia da unanimidade política arredor do valor simbólico deste espazo. “Hoxe é un día para que todas as galegas e galegos nos sintamos orgullosos”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.099159002304077