Pontón chama á mocidade a sumarse ao BNG para "darlles un futuro digno"

Así o manifestou no acto que cada ano organiza Galiza Nova na véspera do Día da Patria en recoñecemento das figuras de Castelao e Rosalía de Castro
ana-ponton-galiza-nova
24 Jul 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, instou ás xuventudes de Galiza Nova a sumar máis mozos e mozas a un BNG capaz de darlles un “futuro digno” para que poidan desenvolver o seu proxecto vital no País e non teñan que “facer a maleta contra a súa vontade”.

Así o manifestou no acto que cada ano organiza Galiza Nova na véspera do Día da Patria en recoñecemento das figuras de Castelao e Rosalía de Castro e no que tamén participou Artai Gabiás, secretario xeral da organización xuvenil do BNG.

Nun tempo no que se quere impoñer a mentira de que a política non serve para nada e que nada se pode cambiar, Pontón recordou que cada dereito conquistado foi posible grazas ás persoas que decidiron organizarse politicamente.

A xornada laboral, o dereito ao ensino, a sanidade pública, os dereitos das mulleres ou a dignidade da lingua galega son todos dereitos conquistados, exemplificou. “Nada caeu do ceo, todo foi conquistado e todo pode perderse se deixamos de organizarnos”, recalcou, para apelar a seguir “organizando esperanza” porque a esperanza, por si soa non cambia nada. “O que cambia a historia é a esperanza organizada”, matizou.

Por iso, animou a Galiza Nova a “convencer e organizar” para facer que “cada semana haxa un mozo ou unha moza máis que descubra que o nacionalismo galego tamén fala del, tamén fala dela, tamén lle ofrece un futuro digno”.

A líder nacionalista criticou na súa intervención “a vergoña dun Goberno do PP que leva demasiado tempo atacando o galego”, reducindo a súa presenza no ensino, alimentando prexuízos e transmitindo a idea de que a lingua propia resta oportunidades, cando a realidade é xusto a contraria.

“O galego nunca foi un obstáculo, o obstáculo é quen despreza o que somos”, reprochou, para recordar a continuación que unha lingua non é só un instrumento para comunicarse, senón unha forma de comprender o mundo e un patrimonio colectivo recibido das xeracións precedentes que se debe “entregar máis vivo ás que virán”.

“Por iso, defender o galego é un acto de rebeldía e de futuro e, por iso, precisamos máis mocidade orgullosa de vivir, de crear, de cantar, de amar e de soñar en galego”, proclamou.

A portavoz nacional tamén reafirmou o compromiso do BNG coa paz, co dereito internacional e coa soberanía dos pobos que queren decidir libremente o seu futuro, nun contexto no que “a guerra volve ocupar as portadas”, “o odio pretende disfrazarse de política” e “os poderosos seguen utilizando pobos enteiros como pezas dun taboleiro xeopolítico”.

Nesta liña, recordou que o Bloque nunca mira “para outro lado diante das inxustizas” e, por esta razón, considera inaceptable que se discrimine ás persoas por ser quen queiran ser e amar a quen queiran amar, pola cor da súa pel ou a súa orixe, ou ás mulleres -máis da metade da poboación- polo feito de selo.

“E por iso dicimos con orgullo que o feminismo non é un complemento do noso proxecto, senón unha das súas columnas, e afirmamos que o futuro será feminista ou non será”, subliñou neste punto.

Pontón defendeu o nacionalismo orgulloso dun BNG que quere máis autogoberno, máis capacidade para decidir en Galiza sobre o que afecta á súa xente e que os galegos e as galegas decidan libremente o seu futuro.

“Queremos decidir aquí para que a mocidade poida xustamente quedar aquí, para garantir vivenda, para crear emprego digno, para defender os nosos servizos públicos, para aproveitar os nosos recursos en beneficio do País, para que ningunha moza nin ningún mozo teña que facer a maleta contra a súa vontade”, incidiu, para subliñar que este é o verdadeiro sentido dun nacionalismo galego que “sempre foi un inmenso ‘Si’ a Galiza”.

Un ‘Si’, afondou, á dignidade e aos dereitos dos galegos e das galegas, á democracia, ao autogoberno, aos dereitos sociais, ao galego, e a que a riqueza do País sirva para mellorar a vida da súa xente. “Ser nacionalista galega ou nacionalista galego significa confiar en Galiza, defender os seus dereitos e o seu futuro”, sintetizou.

Un futuro que se pode gañar, alegou, facendo medrar Galiza Nova e facendo medrar o nacionalismo con máis forza, máis ilusión e máis organización porque, concluíu, “o futuro non pertence a quen espera, o futuro pertence a quen o constrúe”.

0.32673287391663