Pontón critica ao PP por "utilizar ás víctimas de Urda para a súa campaña electoral"

“Hoxe, 13 anos despois, as vítimas de Angrois seguen reclamando a xustiza, verdade e reparación que lles negou o bipartidismo”, recorda
ana-ponton-parlamento
4 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, criticou a Alfonso Rueda que o PP utilice ás vítimas do accidente ferroviario de Urda de cara á campaña electoral das próximas eleccións xerais do 29N cando tapou as súas responsabilidades en Angrois, cuxa ferida segue aberta, remarcou, porque “o Partido Popular impediu que as vítimas dese accidente tiveran xustiza, verdade e reparación”.

Tras dedicar as súas primeiras palabras na sesión de control ao recordo das vítimas de Urda, Pontón recordou que o mesmo Feijóo que agora di que España merece saber, “fixo todo o que puido para que en Galiza non se coñecera a verdade”.

O mesmo Feijóo, incidiu, que agora pide dimisións e investigacións, pero que “calou e permitiu que a ministra Ana Pastor seguira tres anos máis no seu cargo” ou vetou até en catro ocasións unha comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente de Angrois.

“O único que agardo é que as vítimas de Toledo non teñan que pasar polo calvario que pasaron as vítimas de Angrois porque neste País houbo un pacto de silencio entre o bipartidismo para tapar as súas responsabilidades”, advertiu, para poñer sobre a mesa unha reflexión moi clara.

“Se se fixeran ben as cousas en Angrois, hoxe estariamos nesta situación? Esa é a pregunta que nos temos que facer”, remarcou, para incidir en que o BNG espera que, no accidente de Urda, “si se vaia até o final e que se investigue para que nunca máis se poñan en risco vidas”.

“Porque isto non vai de apañar votos, isto vai de salvar vidas e de que nunca máis teñamos unha traxedia así”, reprochou a un Rueda ao que cuestionou o seu enfado ante o recordo do que pasou no accidente de Angrois. “Ten mala conciencia? Porque se vostede crera que o fixeron moi ben, non se enfadaría”, preguntoulle.

A líder nacionalista lembrou a declaración dunha supervivente do accidente en Santiago na que daba conta de que tras un accidente e unhas mortes horribles con desgrazas persoas espantosas, o que lle esperou despois foi 13 anos de sufrimento, de escoitar mentiras e manipulación e tentativas de silenciar ás vítimas.

“O que nos está dicindo é que as vítimas de Angrois, señor Rueda, seguen pedindo verdade, xustiza e reparación, teña un pouco de respecto por elas, porque isto non vai de que o Partido Popular queira cabalgar nunha traxedia para apañar votos nesta campaña, vai de salvar vidas”, pediu ao titular do Executivo ao que acusou de ter “unha indecencia política e moral moi grande” por cuestionar ademais a posición do BNG.

Neste sentido, recordoulle que o Bloque pediu que se investigara até o final, que se asumiran responsabilidades e que se tomaran as medidas necesarias para que situacións así non se volveran repetir, tanto en Angrois como agora.

“Pedímolo en Angrois e pedímolo tamén no accidente de Udra, desgraciadamente, vostede non pode dicir o mesmo”, reprochoulle, para incidir en que “quizais, se o Partido Popular nese momento actuara ben, hoxe non estariamos aquí”.

Pontón recordou as consecuencias que teñen o deterioro dos servizos públicos ou cando se goberna para unha minoría e advertiu que o aumento dos prezos ou o acceso á vivenda son as principais causas de desigualdade en Galiza.

Un País, lembrou, que encabeza a suba de prezos mentres os salarios dan cada vez para menos e que incrementou en 91.000 as persoas en risco de pobreza e exclusión só nun ano, un aumento do 22% segundo a Rede Europea da Pobreza, que cifra en 600.000 o número de galegos e galegas que se atopan nesta situación.

A portavoz do BNG reprochou a Rueda que, ademais, teña a 37.000 persoas esperando por unha vivenda en alugueiro porque “coas súas políticas de demolición da vivenda pública”, o PP converteu o acceso á vivenda “nun luxo”.

Neste contexto, criticou que Feijóo pedira a desconvocatoria dunha folga xeral na que se reclama o dereito a unha vida digna e o fixera, por riba, coa “indignidade” de querer utilizar a traxedia de Urda. Mais tamén que a resposta do presidente da Xunta sexa seguir coa súa propaganda.

“Onde están esas 1.800 vivendas en alugueiro social que dixo que iamos ter no ano 2026?, volveulle preguntar sen obter resposta a un Rueda ao que tamén recordou que, mentres “baixa os impostos aos máis ricos e ás eléctricas”, conxele o complemento das pensións máis baixas do País.

A líder nacionalista lamentou que o titular do Executivo “nunca responde nada” cando no Parlamento se abordan os problemas reais da xente e que, fronte ao incremento das persoas en risco de pobreza ou exclusión e a grave crise da vivenda, non ofrecese ningunha solución e tentara desviar a atención da súa “incompetencia política” presumindo de traspasos de competencias.

“Vennos aquí con que conseguiu dous traspasos en 17 anos a dicir que hai que aplaudirlle coas orellas, cando lle dicía ao goberno bipartito que 14 traspasos eran ‘traspasiños’; daquela, que lle temos que dicir a vostede?”, afeoulle.

Pontón lamentou que Rueda “nin tan sequera fale das vidas” dos galegos e das ante a crise social e económica que sofre o País, con xente que cada vez o pasa peor para poder chegar a fin de mes ou con miles de mozos e mozas “aos que se lles está roubando o futuro porque non teñen dereito a acceder a unha vivenda”.

“A vostede, o único que lle interesa é manterse no poder, pero os galegos e as galegas o que se preguntan é para que serve un presidente que non lles dá solucións”, concluíu.

0.40775084495544