Pontón critica o non do PP aos decretos de vivenda e pregunta a Rueda "onde están as 1.800 vivendas de aluguer social que prometeu"

A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou que, hoxe en día, estanse publicando anuncios onde se ofrecen habitacións a 700 euros ao mes en Galiza, un país non que os salarios e as pensións están por debaixo da media. “En que momento consideramos que isto é normal? En que momento alguén pensa que esta situación se pode soster sen tomar medidas para evitalo?”, cuestionou, en alusión aos decretos de vivenda que se debaten no Congreso.
Pontón recordou que “a vivenda é un dereito que os poderes públicos teñen a obriga de garantir” e advertiu que “o que está provocando a ‘lei da selva’ é que cada vez máis persoas vexan que é imposible poder facer os seus proxectos de vida”.
“E mentres isto pasa, vemos hoxe ao Partido Popular do ‘Non’ votando en contra de dous decretos que aportan un pequeno respiro ás familias e á xente moza para darlles garantías de que, cando menos, non lles podían subir o aluguer dun día para outro de forma desorbitada”, criticou ao “PP máis ultra da historia” que hoxe “vai deixar na estacada a miles de persoas” que non poden acceder a unha vivenda.
A líder nacionalista acusou aos populares de “estar do lado da especulación, dos fondos voitre e daqueles que pretenden facer negocio a costa da vida da xente”, na vez do das maiorías sociais, porque non lles preocupa nada nin os miles de galegos e galegas que non poden acceder a unha vivenda, nin tampouco os pequenos propietarios que teñen un piso ou dous e que os alugan para poder completar as súas rendas.
“A quen está defendendo neste momento o Partido Popular de Rueda e de Feijóo é a quen fai negocio coa vivenda, aos rentistas que teñen ducias de pisos, aos grandes tenedores e aos fondos voitre”, recalcou, logo de sinalar que son estes os especuladores que cada vez que caduca un contrato suben os alugueiros un 20, un 30, un 40 e mesmo un 50% e “botan fóra a Maricarmen e a todas as persoas que, coma ela, viven dun salario normal ou dunha pensión”.
Un PP, afondou, que é o que en Madrid “vendeu miles de vivendas protexidas a un fondo voitre, o BlackRock, e que ten entre as súas filas a deputados e deputadas, tamén algunha galega, que acaparan ducias de pisos”. O mesmo PP, remarcou, que promoveu un rescate bancario por 90.000 millóns a unha banca que se quedaba cos pisos de moitas familias que non podían pagar a súa hipoteca e que despois se venderon a prezo de saldo a fondos voitre. Un sector bancario que non devolveu ese rescate que tivo que pagar a cidadanía cos seus impostos, incluídas as persoas que agora se están quedando sen casa.
A portavoz do BNG recordou que en Galiza o PP ten unha “responsabilidade directa” nesta crise porque “dinamitou durante 17 anos a política social de vivenda e non quixo construír vivenda pública”, provocando a suba de prezos no alugueiro “máis alta da historia” e ofrecendo como única resposta a súa propaganda.
“O Partido Popular de Rueda prometeu que en 2026 entregarían 1.800 vivendas en aluguer que non están en ningunha parte”, lembrou para preguntarlle ao titular do Executivo onde están eses 1.800 pisos en alugueiro social que comprometera.
Este é o retrato dun PP, incidiu, que entregou en Santiago as primeiras 24 vivendas públicas en 17 anos, mentres “se dedica a boicotear a declaración de zonas tensionadas, se pon en contra de que se topen os prezos do alugueiro ou se permite o luxo de ter miles de vivendas ilegais no rexistro de vivenda turística, unha coadeira para moitos pisos que poderían estar no mercado”.
Fronte ao PP do ‘Non’ ao dereito a unha vivenda digna, Pontón confrontou a posición responsable dun BNG que considera “pouco ambiciosos” os decretos que se debaten no Congreso pero que, aínda así, vai apoiar porque a situación é dunha “auténtica alarma social”.
“Para nós estes decretos son un primeiro paso, pero totalmente insuficiente porque a situación tan grave que hai de acceso á vivenda require de medidas valentes e decididas para protexer un dereito que é fundamental”, explicou, para reclamar a continuación “ir máis alá” con medidas de carácter estrutural como a de establecer límites nos prezos dos alugueiros.
Neste sentido, recordou que os alugueiros nas cidades subiron en Galiza entre un 35 e un 50% e que, polo tanto, “é necesario que se establezan topes e se actúe dunha maneira máis decidida, tamén desde a Xunta, que ten transferidas as competencias en materia de vivenda.
A portavoz nacional defendeu neste punto declarar zonas tensionadas todos os concellos galegos nos que os prezos do alugueiro están descontrolados, que a Administración galega compre toda a vivenda protexida que se poña á venda, exercendo o seu dereito de tanteo e retracto, e poñendo en marcha un plan de compra masiva de vivenda baleira para que nos próximos anos se incremente a oferta “en alugueiro a prezos que a xente poida pagar”.
“Hai 90.000 pisos baleiros só nas cidades e sabemos que é moito máis rápido poñer eses pisos en alugueiro que construír vivenda que son proxectos que, en moitos casos, chegan a dez anos”, incidiu, para reclamar por último tamén ao Goberno de Rueda que elimine todos os pisos turísticos ilegais que hai no rexistro oficial. “É unha medida que non lle custa nin un só euro á Xunta, pero que non fai porque non defende os dereitos da xente deste País a ter unha vivenda digna”, reprochou.
Pontón avanzou en todo caso que o BNG si vai seguir defendendo o dereito á vivenda e acompañando a unha sociedade que está pedindo valentía nas rúas, unha mobilización social que considerou importante que continúe, dado que a presión que se está exercendo “está provocando que haxa cousas que se moven”.
“Hai que darlle máis forza a quen queremos que se tomen medidas reais e eficaces para garantir o dereito á vivenda porque o que non se pode é seguir mirando para outro lado mentres se lle hipoteca o futuro a toda unha xeración de mozos e mozas”, defendeu.
A preguntas dos medios por un posible adianto electoral no Estado, a líder nacionalista avanzou que o BNG está preparado para defender os intereses de Galiza, sabendo que durante estes anos fixo un traballo a favor do País e das maiorías sociais do que se mostrou convencida será ben valorado polos galegos e as galegas, “se convoquen cando se convoquen as eleccións”.
“Estamos preparadas e preparados para darlle máis forza a Galiza en Madrid a través da representación do BNG, que significa defender os intereses deste País e os intereses sociais, como o dereito á vivenda e a que a xente teña unha vida digna”, sintetizou.
Por outra banda, e tamén en resposta aos medios, a portavoz nacional indicou que o último fallo do TSXG sobre o sector eólico confirma que, como denunciou o Bloque, “fixéronse cambios no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para favorecer ao gran lobby eólico en contra do interese dos galegos e das galegas” e que “se quere consumar unha política na que Galiza é unha terra de sacrificio para que as eléctricas sigan gañando cartos”. “Deixa en mal lugar a unha xustiza na que é normal que cada vez menos xente confíe porque vemos que só é xusta para os poderosos”, concluíu.