Pontón denuncia que o SERGAS non está realizando os cribados de cancro de mama entre os 45 e 50 anos

Ana Pontón criticou en Lugo que a Xunta non está a cumprir o compromiso de ampliar o programa de cribado de cancro de mama ás mulleres de 45 a 50 anos, e pediu ao presidente Rueda que faga realidade unha medida “vital para a prevención e a detección temperá”.
Ponton Bng
26 Oct 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou desde Lugo que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) non está realizando os cribados de cancro de mama ás mulleres de entre 45 e 50 anos, tal e como prometera o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, hai tres anos.

Pontón fixo estas declaracións tras unha reunión coa dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo, na que tamén anunciou que o Bloque presentará emendas á Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2026 para propoñer unha moratoria real e indefinida que free a expansión do eucalipto, en contraste coa “moratoria fake” do Goberno do PP.

En declaracións aos medios, a líder nacionalista asegurou que o incumprimento da Xunta neste ámbito é “especialmente grave” ao tratarse da saúde das mulleres galegas. “Falamos de algo tan importante como a prevención do cancro de mama. Non se pode xogar coa saúde das galegas nin facer propaganda que logo non se cumpre”, afirmou.

Pontón dirixiu dúas preguntas directas ao presidente Rueda. A primeira, sobre “por que esconde os datos dos cribados de mama” en Galicia. “Que é o que ten que ocultar o Partido Popular?”, preguntou, para anunciar que o BNG solicitará que o Goberno galego remita de inmediato esa información ao Parlamento.

A segunda pregunta referiuse á falta de cumprimento do anuncio feito pola Xunta en 2022: “Por que as mulleres de entre 45 e 50 anos non están sendo chamadas para facer ese cribado de mama, tal e como prometeu o señor Rueda hai tres anos?”, insistiu.

Pontón rematou pedíndolle ao presidente galego que non empregue a sanidade pública “como ferramenta de estratexia partidista cutre imposta polo PP de Madrid” e advertiu con rotundidade: “Así non. Coa saúde das galegas non se xoga”.

⚙ Configurar cookies
0.37307786941528