Pontón e Da Sila prioirizan subir o salario mínimo e poñer tope á vivenda, a enerxía e os produtos básicos

As propostas do BNG presentadas en Vigo pasan por elevar o SIM até o 60% do salario medio, derrogar as contrarreformas laborais e reducir a xornada sen recortes salariais
cafe-encontro-vigo-ana-ponton-silva-nestor-rego
9 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, advertiu en Vigo que non se pode “normalizar a precariedade” que sofren moitas persoas e reclamou avanzar en dereitos laborais con propostas como as que pon enriba da mesa o BNG de cara ás eleccións xerais do 29N.

“Que clase de sociedade estamos creando cando traballar non che permite chegar a fin de mes, cando a xente moza non pode independizarse ou cando se unha persoa queda no paro con máis de 50 anos só ten unha axuda moi cativa que non lle permite poder facer un proxecto de vida?”, cuestionou, logo dun café-encontro con traballadoras e traballadores xunto ás cabezas de lista ao Congreso por Pontevedra e pola Coruña, Carme da Silva e Néstor Rego, respectivamente.

Pontón advertiu que o problema non é que Galiza teña menos riqueza, senón que se está producindo cada vez unha distribución da riqueza máis desigual, tal e como corroboran non só as experiencias de miles de persoas no País, senón as propias estatísticas oficiais.

Neste sentido, recordou que o peso dos salarios sobre o PIB xa só representa en Galiza o 44,8%, cando hai unhas décadas era superior ao que representaban as rendas do capital.

“A precariedade na que viven atrapadas miles de persoas con angustia, con salarios que non lles permiten vivir con dignidade e con situacións que non podemos normalizar é o resultado dun modelo que o que está buscando é que cada vez uns poucos acumulen máis riqueza”, reflexionou, para indicar a continuación que, no caso dos galegos e das galegas, sofren ademais “ese deseño centralista co que cada vez se concentra máis riqueza en Madrid e Galiza perda peso no conxunto do Estado”.

Neste contexto, considerou clave que o País gañe peso político da man do BNG. “Se queremos reverte esta situación, temos que gañar peso político para defender con máis forza unha axenda galega que ten unha carpeta destinada a mellorar as condicións de vida da maioría e loitar contra esa precariedade”, remarcou.

E, para conseguilo, puxo enriba da mesa as propostas concretas do BNG, a comezar pola derrogación de todas as contrarreformas laborais ou o incremento do Salario Mínimo Interprofesional (SIM) até situalo no 60% do salario medio, tal e como recomenda a Carta Social Europea que o Estado “incumpre sistematicamente”.

A líder nacionalista tamén defendeu a proposta do Bloque para reducir a xornada laboral “sen que isto implique menos salario”, dado que a produtividade non está ligada co número de horas que as e os traballadores están no seu posto de traballo, senón a outro tipo de cuestións.

Na axenda que o BNG levará a Madrid a partir do 29N tamén se atopa a defensa do dereito á saúde da clase traballadora, o que implica que “se estás enferma, non teñas que ir a traballar”, un dereito que parecía asentado, pero que “hoxe o está poñendo en cuestión o Partido Popular”, recordou.

Pontón sinalou neste punto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como a “avanzadilla” do PP en contra das traballadoras e traballadores do País con mentiras e acusándoos de “vagos e maleantes” por estar enfermos e non ir a traballar. Algo que, recalcou, é un dereito fundamental e cando, ademais, Galiza é a segunda comunidade na que menos baixas por enfermidade se producen de todo o Estado.

A portavoz nacional avogou por impedir que o PP poña en marcha o seu plan para que “sexan as empresas, a través das mutuas, as que decidan se un traballador ten que ir ou non a traballar, que era o que nos faltaba”, indicou, para subliñar a continuación que, polo tanto, o que hai en xogo o próximo 29N é o peso político de Galiza e as condicións de vida da maioría social do País.

Por iso, fixo un chamamento para concentrar todo o voto galego nun BNG que vai loitar contra a precariedade e defender un modelo social máis xusto. “Temos que defender os dereitos non só nas urnas, senón tamén na rúa”, engadiu, para apelar á mobilización na folga xeral convocada para o mércores 11N.

“Galiza ten que volver demostrar que aquí hai un pobo que quere defender dereitos, que non acepta este modelo de desigualdades e que quere loitar por ter unha vida digna”, afondou sobre unha folga que ten que servir como chamada de atención a un Goberno do PP que é “unha fábrica de pobreza e de desigualdade” no País, mais tamén a un Executivo central que “ao longo destes anos foi incapaz de poñer solucións aos problemas da maioría”, concluíu.

Solucións galegas

Pola súa parte, Carme da Silva defendeu a necesidade de aplicar “solucións galegas” á precariedade que sofre Galiza, con medidas que permitan mellorar os salarios, garantir o acceso á vivenda e reducir o custo da vida. A candidata do BNG advertiu de que a imposibilidade de acceder a unha vivenda é só a parte máis visible dun problema moito máis fondo, marcado polos baixos salarios e as dificultades para afrontar gastos básicos como a alimentación, a luz ou a calefacción.

“Os salarios non chegan e hai que subir o salario mínimo interprofesional”, afirmou, lembrando que Galiza rexistra unha inflación do 5,5%, por riba da media estatal, o que fai necesario ter en conta a realidade económica propia do país.

A candidata nacionalista sinalou que combater esta situación require decisións políticas que poñan por diante as necesidades da maioría social e non os beneficios das grandes empresas. Nese sentido, priorizou topar os prezos da enerxía para que pagar a luz e a calefacción non sexa un problema para as familias, así como intervir na cadea alimentaria para garantir prezos xustos aos produtos galegos, tanto para quen produce como para quen consume.

Defendeu que as persoas produtoras reciban unha remuneración digna polo seu traballo e que a cidadanía poida acceder a alimentos de calidade sen que os intermediarios leven a maior parte dos beneficios. De maneira xenérica subliñou a necesidade de elevar o SMI até o 60% do salario medio, derrogar as contrarreformas laborais e reducir a xornada sen recortes salariais.

Da Silva apelou tamén á mobilización social como ferramenta para cambiar esta realidade e reivindicou que Galiza poida decidir e dar resposta aos seus propios problemas, sen depender das prioridades políticas de Madrid. Chamou a participar na folga xeral do 11 de novembro e a converter as eleccións do 29N nunha gran mobilización a favor dunha maior capacidade de decisión para o país.

"Precisamos solucións aos nosos problemas desde aquí, pensando desde Galiza e non pensando desde Madrid”, afirmou, convencida de que fortalecer o BNG permitirá levar ás institucións as demandas da maioría social e avanzar cara a unha vida con máis estabilidade, dereitos e futuro.

Néstor Rego incidiu pola súa banda en que sobran as razóns para apoiar masivamente a folga xeral do 11N, dado que, explicou, “vivimos nun contexto de carestía da vida, cos prezos polas nubes, cos salarios que non chegan e a vivenda absolutamente inaccesíbel para os traballadores e as traballadoras”.

Rego puxo o foco nas principais preocupacións dos galegos e das galegas: o traballo e a vivenda. “Problemas que van unidos. As clases traballadoras sofren a diario a precariedade da carestía da vida. Unha cesta da compra que non para de subir, os combustíbeis carísimos e a vivenda ocupa xa boa parte dos gastos”, remarcou.

O cabeza de lista pola Coruña garantiu que “o BNG continuará a exixir a derrogación completa da reforma laboral con aspectos moi lesivos aínda vixentes, como o abaratamento do despedimento. Reclamaremos que o SMI se sitúe, en cumprimento da Carta social europea en 60% do salario medio. Así mesmo, continuaremos a traballar pola mellora da protección social e laboral das clases traballadoras e un sistema de pensións dignas e revalorizadas, así como pola vivenda pública”.

Por último, animou a que toda a xente que vai mobilizarse na folga xeral o 11N na Galiza que manteña vivo ese mesmo espírito e apoie masivamente ao BNG nas eleccións do 29 de novembro, a única forza que asegura a defensa da clase traballadora galega.

0.50323605537415