Pontón eleva a presión para evitar que os Franco sexan indemnizados por Meirás

O BNG levará ao próximo Pleno do Parlamento unha declaración institucional para que a Cámara rexeite compensar á familia do ditador e recoñeza a súa 'mala fe' na ocupación do pazo
Ana Ponton parlamento
17 Mar 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou que a formación levará ao próximo Pleno do Parlamento unha declaración para que a Cámara exprese con claridade o seu rexeitamento a que a familia do ditador reciba compensación económica pola posesión do inmoble de Sada.

A iniciativa chega poucos días despois de que o Tribunal Supremo ratificase que Meirás é propiedade do Estado e pechase a porta ás pretensións dos herdeiros de Francisco Franco sobre o pazo. Esa mesma resolución, con todo, mantén o dereito da familia a ser indemnizada polas obras e gastos de mantemento que a xustiza considere necesarios e útiles, unha contía que deberá concretarse nunha fase posterior de execución.

Pontón celebrou que a sentenza firme recoñeza por fin unha reclamación histórica do nacionalismo, a de que Meirás era 'do pobo galego' e estaba ocupado de maneira ilexítima pola familia Franco. Ao mesmo tempo, cualificou de 'incomprensible' que agora se abra a porta a pagar unha indemnización e sostivo que debería ocorrer xusto o contrario: que sexan os Franco quen compensen á sociedade galega por usar durante décadas un ben que non lles pertencía.

A líder do BNG puxo ademais o foco na actuación do PP e de Alberto Núñez Feijóo, ao que atribúe unha responsabilidade directa no escenario actual. Segundo expuxo, un informe impulsado na etapa do anterior Goberno galego asumía a boa fe da familia na ocupación do pazo e o feito de que durante décadas non se reclamase a súa titularidade, unha tese que, ao seu xuízo, acabou pesando no percorrido xudicial do caso.

Con esta declaración institucional, o Bloque busca reforzar a presión política e social arredor de Meirás e deixar fixada a posición do Parlamento de Galicia nun momento en que tamén o Goberno central avanzou que seguirá dando a batalla xurídica contra a indemnización. Para os nacionalistas, a recuperación do pazo non estará plenamente pechada mentres persista a posibilidade de que o diñeiro público remate nas mans dos herdeiros do ditador.

0.31469106674194