Pontón pide concentrar o voto de País no BNG para garantir unha vivenda digna aos galegos

A portavoz nacionalista defendeu en Ferrol políticas 'valentes' fronte ao PP e ao PSOE e anunciou que reclamará en Madrid o patrimonio de Defensa na cidade para destinalo a vivenda pública asequible
FERROL bng ponton
20 Nov 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu este venres en Ferrol concentrar o voto de País na formación nacionalista para defender políticas que garantan unha vida digna aos galegos e galegas, con especial atención ao acceso á vivenda. Durante un acto xunto ao candidato nacionalista á alcaldía, Mon Fernández, criticou a falta de medidas eficaces por parte do PP e do PSOE para facer fronte á crise habitacional.

Pontón presentou as principais propostas en materia de vivenda incluídas na Axenda Galega coa que o BNG concorre ás eleccións xerais e destacou a reclamación que levará a Madrid para que o patrimonio que o Ministerio de Defensa ten en Ferrol se poña a disposición da cidadanía e poida destinarse a vivenda pública a prezos asumibles.

A dirixente nacionalista sinalou que Ferrol é a cidade galega onde máis subiron os alugueiros durante o último ano e denunciou que nin o PP nin o PSOE foron capaces de adoptar medidas 'realmente valentes e eficaces' para protexer o dereito fundamental a unha vivenda digna.

Neste sentido, defendeu que o BNG impulsará políticas para dar solución a un problema que, segundo advertiu, 'cada vez se fai máis grande'. Aínda que as competencias en vivenda corresponden á Xunta, Pontón lembrou que o PP leva 17 anos gobernando Galicia 'dando barra libre á especulación'.

Tamén criticou a actuación do Goberno central, ao considerar que non adoptou medidas suficientes para frear a especulación nin protexer o dereito á vivenda. 'Chega a última hora cuns decretos insuficientes ante o clamor social para intentar que toda a cidadanía, que está farta de ver como se pisotea un dereito fundamental como é o dereito de acceso á vivenda, pense que pode haber unha alternativa', afirmou.

Tres propostas para Ferrol

A portavoz nacional anunciou tres compromisos concretos para facer fronte ao problema da vivenda en Ferrol, onde, ao igual que no resto de Galicia, 'pasou de ser un dereito a converterse nun problema que afecta á xente moza e ás familias traballadoras'.

O primeiro consiste en defender en Madrid que as 460 vivendas previstas na rúa Sánchez Aguilera sexan destinadas ao alugueiro social, dirixidas especialmente á xente nova e á clase traballadora.

A segunda proposta pasa por impulsar, 'dunha vez por todas', a construción de 20 vivendas na rúa María, un proxecto anunciado polo Ministerio de Vivenda en 2023 e que, tres anos despois, aínda non se materializou.

Por último, o BNG reclamará ao Goberno central un plan para recuperar e poñer a disposición da cidadanía as vivendas e edificios que o Ministerio de Defensa ten en desuso en Ferrol. Pontón criticou que estes inmobles e terreos públicos non se aproveiten para dar resposta á crise habitacional e acusou o Executivo de comportarse 'como un fondo voitre ou como unha inmobiliaria, especulando con terreos que son públicos'.

Pontón tamén se referiu ao cara a cara entre Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, do que concluíu que 'despois do debate, máis BNG'. A dirixente nacionalista defendeu que a formación é a alternativa en Galicia para quen quere que o país teña peso político no Estado e aposta por políticas avanzadas que sitúen o dereito á vivenda no centro.

Así mesmo, advertiu de que existe un intento de fortalecer o bipartidismo nestas eleccións e considerou que o debate entre os candidatos do PSOE e do PP é un exemplo diso.

'Xa sabemos o que dá de si o bipartidismo, por iso eu, despois do debate, creo que moita xente vai coller a papeleta do BNG porque a alternativa para Galicia, para que nos fagamos valer e para que haxa políticas valentes, é precisamente a do Bloque', concluíu.

1.9602060317993