Pontón pide declarar zona de emerxencia nas rías afectadas polas borrascas pola crise do marisqueo

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, urxiu á Xunta a solicitar a declaración de zona de emerxencia polas borrascas no litoral galego afectado ante a grave situación que atravesa o sector do marisqueo.
Pontón realizou estas declaracións tras manter unha reunión coa Confraría de Noia, na que cualificou de “situación límite” a que vive o sector, marcada pola caída da produtividade e polos efectos dos temporais rexistrados no último ano.
A líder nacionalista advertiu de que a crise afecta ao conxunto das rías galegas e denunciou a falta de respostas por parte do Goberno autonómico. “Non vemos que a Xunta estea dando solucións reais a un sector fundamental para a economía e o emprego das zonas costeiras”, sinalou.
Neste contexto, puxo o foco nos danos provocados polos temporais, que causaron unha forte afectación na produción, con episodios de mortaldade masiva de especies como o berberecho e a ameixa xapónica na ría de Muros-Noia.
Pontón alertou de que centos de persoas que viven do marisqueo levan meses sen ingresos e sen recibir axudas suficientes, agravado polo incremento dos custos, como o dos combustibles.
Entre as medidas propostas polo BNG, destacou a necesidade de bonificar as cotas da Seguridade Social para as profesionais do sector con efecto retroactivo desde novembro, así como a posta en marcha dun plan específico con recursos suficientes.
Ademais, criticou os anuncios da Xunta, que cualificou de “insuficientes e improvisados”, e reclamou unha maior colaboración coas confrarías para dar resposta á crise.
Por outra banda, referiuse ao impacto do baleirado do encoro do Tambre sobre a ría de Muros-Noia, que atribuíu a unha “xestión inadecuada” por parte da empresa concesionaria. Neste sentido, instou á Xunta a asumir a xestión do encoro ante a caducidade da concesión.
Finalmente, Pontón reiterou o apoio do BNG ao sector do mar e subliñou a súa importancia estratéxica para Galicia, reclamando gobernos “á altura” dos retos actuais.