Pontón pide investigar o accidente de Urda "como non se fixo" en Angrois

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou unha investigación “ata as últimas consecuencias, con rigor e independencia” sobre as causas do accidente ferroviario de Urda, para darlles ás vítimas e ás súas familias “a verdade, a xustiza e a reparación” que, advertiu, non tiveron as do sinistro do Alvia en Angrois.
Antes de participar no minuto de silencio convocado no Parlamento de Galiza, Pontón trasladou todo o apoio e solidariedade do BNG ás vítimas dunha traxedia que, dixo, “sobrecóllenos pola súa magnitude” dado o elevado número de persoas cuxas vidas quedaron truncadas entre as vías do tren.
Un accidente que, ademais, “en Galiza nos remove por dentro” trece anos despois da traxedia de Angrois, que deixou “unha pegada indeleble na sociedade galega” e que “nos ensinou que ante unha traxedia deste tipo é imprescindible, mesmo un imperativo legal, darlles ás vítimas e as súas familias verdade, xustiza e reparación”.
“Con Angrois esa débeda moral nunca se saldou, porque nin o goberno do PP, primeiro, nin o do Partido Socialista, despois, permitiron que se saldase”, engadiu, para advertir neste punto que o mesmo Feijóo que agora di que “España merece saber”, sendo presidente da Xunta “fixo todo o que estaba na súa man para evitalo”, impedindo que as vítimas tivesen a verdade, xustiza e reparación “que reclamaban e merecían”.
Feijóo, lembrou, vetou até en catro ocasións a creación no Parlamento de Galiza dunha comisión de investigación sobre o sinistro de 2013, contra a que o PP votou tamén en contra en tres ocasións no Congreso. “Está ben que Feijóo diga que España merece saber, pero tamén Galiza merecía saber e Feijóo fixo todo o posible para evitalo e deu un trato indigno ás vítimas desa traxedia”, subliñou.
“Sería imperdoable facerlles pasar ás vítimas e ás familias do accidente de Toledo o calvario que tiveron que pasar as do accidente de Santiago”, recalcou Pontón, que insistiu en unha investigación a fondo, “que non se peche en falso”, sobre as causas do accidente de Urda “é a mellor maneira de honrar as vítimas”.
A portavoz nacional do BNG esixiu ademais que se tomen as medidas necesarias “para que nunca máis volvamos ver unha traxedia desta dimensión e para garantir a seguridade cando circulamos en tren”, e que se depuren responsabilidades “caia quen caia”. “Isto non vai nin dun ministro nin dun goberno, vai de garantir que teñamos infraestruturas seguras e que accidentes desta magnitude, cun custo en vidas humanas que é impagable, non se volvan repetir”, alegou.