Pontón pide ós vigueses que volvan confiar no BNG como fixeron nas galegas

“Logramos rebaixas históricas na AP-9, pero con máis forza, lograremos que sexa galega e libre de peaxes, con Carme da Silva no Congreso”, alega
ana-ponton-vigo-carme-da-silva
26 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediulle a todos os vigueses e viguesas que, polas súas vidas e por Galiza, volvan confiar no BNG como fixeron nas pasadas eleccións galegas, nas que o Bloque foi a forza máis votada na cidade e na súa área metropolitana, así como nos concellos do outro lado da ría.

Afirmou que o BNG vai ir a Madrid para “darlle peso político a Galiza e a Vigo”, para defender os seus intereses, e a toda a xente que vive nesa ría, que, destacou, “son persoas valentes e decididas que pelexan polo seu futuro”, e a forma de facelo é “collendo a papeleta do BNG”, proclamou nun acto en Vigo con compañeiros e compañeiras dun lado e doutro da ría, alcaldes, alcaldesas, candidatos e candidatas,coa cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva.

Pontón recordou que o voto ao BNG xa demostrou, con un deputado no Congreso, ser máis útil que o das forzas estatais. “Se hoxe hai descontos históricos nas peaxes da AP-9 é porque o BNG condicionou o goberno do Estado a favor de Galiza, a favor de Vigo e a favor da xente que está aquí”, exemplificou, advertindo que Galiza, da man do Bloque, necesita máis forza porque, malia conseguir descontos históricos na autoestrada, “iso non chega, queremos a gratuidade da AP-9”, recalcou.

Recordou, neste sentido, que os galegos e as galegas seguen pagando peaxes porque o PP ampliou de maneira ilegal a concesión da AP-9. “O que non nos explicamos é por que o Partido Socialista defende esa prórroga”, engadiu.

“Se queremos acabar con esta estafa, o 29 de novembro hai que darlle máis forza ao BNG en Madrid para levar os intereses de Vigo, para defender unha axenda galega na que Vigo, subliñou, é preferente”. Avanzou que o Bloque loitará ademais pola saída sur para conectar a cidade con Pontevedra, polo impulso do Corredor Atlántico de Mercadorías e tamén defenderá a ría e a xente que vive na comarca e na área metropolitana.

Por iso incidiu na importancia de “coller con ilusión a papeleta do BNG”, porque, xustificou, “se concentramos todo o voto galego, todo o voto que quere políticas valentes e transformadoras no BNG, o próximo 29-N imos dar a sorpresa, e Galiza terá forma e peso, farase valer e seremos unha peza fundamental para avanzar en dereitos e liberdades, para que non se dea nin un só paso atrás”, rematou.

Carme da Silva tamén quixo facer un chamamento á mobilización masiva da cidadanía para “ateigar as urnas de votos nacionalistas” o vindeiro domingo 29 de novembro e lograr así” facer valer Galiza en Madrid”.

Da Silva dirixiuse expresamente “a todas as persoas fortes e orgullosas da ría de Vigo, desta ría que nos define”, pedíndolles a súa confianza para que a comarca teña voz propia e peso político nas Cortes do Estado.

“Seguramente a partir do 29 de novembro, con moitísimos votos de toda a xente forte da ría de Vigo, xente orgullosa do que é, empezaremos a construír un futuro mellor; un futuro no que Galiza conte, no que a ría de Vigo conte”, subliñou a candidata, quen reivindicou esa esperanza como o motor que debe impulsar a participación na cita electoral.

0.38689994812012