Pontón pídelle ás mulleres que voten desde o orgullo de ser galegas e feministas

"Somos a alternativa contra a involución machista do PP de Feijóo, que en Galiza coñecemos ben porque recortou as axudas ás vítimas", salientou
concentracion-mulleres-bng
25 Nov 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ás mulleres que voten desde o orgullo de ser galegas e feministas enchendo as urnas de papeletas do BNG como a alternativa en Galiza este 29N para avanzar en dereitos.

“Quero pedirlle a todas as mulleres galegas que este próximo 29 de novembro concentremos todo o voto no BNG, que vaiamos a votar co orgullo de ser mulleres, de ser feministas e de ser galegas para conseguir que a igualdade se faga real, non lles imos fallar”, proclamou nun acto en Ourense no marco do 25N, Día contra as violencias machistas, xunto ás cabezas de lista por Ourense, Pontevedra e Lugo, Noa Presas, Carme da Silva e Olalla Rodil, respectivamente.

Pontón recordou que desde que hai rexistro oficial, en Galiza foron asasinadas case 100 mulleres e, só no último ano, rexistráronse nos xulgados galegos 22 denuncias diarias, das que recalcou, “son só a punta do iceberg”, porque hai moitas vítimas que “detrás das portas das súas casas están vivindo en silencio e soidade unha violencia” que nin se pode aceptar nin se pode normalizar.

“Este 25N é un día para lembrar que o machismo mata e que segue habendo moitísima desigualdade na sociedade”, advertiu, para lembrar a continuación que as galegas levan moito tempo loitando pola igualdade. “Desde o BNG queremos dicir alto e claro que non imos permitir nin un só paso atrás”, afirmou logo de recalcar que os dereitos das galegas “nin se negocian, nin se recortan”, apelando ás mulleres a reivindicar nas urnas o feminismo e a rebeldía de Rosalía collendo masivamente a papeleta do Bloque.

A líder nacionalista reivindicou á súa formación como a alternativa fronte á involución machista do PP de Feijóo que en Galiza coñécese ben porque como presidente da Xunta primeiro cuestionou o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo e despois “atreveuse a reducir as axudas ás vítimas de violencia machista en plena crise económica”.

“Esa é a involución machista de Feijóo e enfronte van a ter ao BNG e ás mulleres deste País que imos a dicir con total claridade que nin un só paso atrás”, remarcou para incidir en que, por contra, o voto ao Bloque é garantía no avance de dereitos.

Pontón explicou que o Bloque ten acreditado que “sempre se puxo á cabeza na loita dos dereitos das mulleres e contra a violencia de xénero fronte a un Partido Popular que estivo sempre en contra e co freo de man posto para os nosos dereitos” e, neste sentido, recordou que a primeira e única lei contra a violencia machista en Galiza foi impulsada polo BNG no goberno e que o recoñecemento da loita contra a violencia vicaria, así como melloras para a atención ás vítima que a sofren, foron tamén froito do impulso lexislativo da formación nacionalista.

“Queremos que eses avances tamén se vexan na política do Estado e as mulleres galegas, da man das nosas representantes en Madrid, van ter sempre un compromiso claro para defender os nosos dereitos, para avanzar e para que se fagan políticas que teñan en conta a nosa propia realidade”, comprometeu.

Nesta liña, avanzou que o Bloque presenta un programa “impregnado de feminismo”, con medidas para avanzar en igualdade, incrementar os recursos destinados á loita contra a violencia de xénero e para que os criterios de distribución destes fondos teñan en conta a realidade galega, cun financiamento que garante a prestación dos servizos públicos, incluídos estes, tendo en conta a dispersión ou o avellentamento poboacional.

“O 25N o que nos recorda é que a loita contra a violencia machista non necesita minutos de silencio e lazos lila, senón compromiso firme e rotundo coa igualdade das mulleres”, afirmou, para recordar a continuación as propostas do BNG de cara a implantar máis medidas de conciliación real e garantir a aplicación da lei da dependencia para evitar que os coidados lastren o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres.

“Este 29 de novembro temos a oportunidade de que as galegas nos fagamos valer no Estado porque as galegas estivemos aí sempre loitando polos nosos dereitos, coa forza que nos dan Rosalía e todas as que despois dela tamén pelexaron polas mulleres”, subliñou, para concluír amosando o seu convencemento de que as galegas van ser “un muro de contención” fronte á involución machista apoiando masivamente a un BNG que é “unha garantía de avance para os dereitos das mulleres”.

Levar a forza do feminismo galego a Madrid

Pola súa parte, a cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, subliñou que este novembro de loitas Galiza xa fixo historia o pasado 11N coa mobilización social en favor da vivenda e este 25N volverá a facelo co que “sempre fixo o feminismo galego, que foi saír as rúas en contra da hipocrisía e en contra de calquera retroceso”.

Presas destacou que o BNG está a colocar no centro do debate que “nos xogamos a vida neste momento histórico” e chamou ás mulleres feministas a concentrar o voto no Bloque porque, sinalou, “hoxe imos escoitar moitos discursos contra a violencia machista dos que logo pactan con quen a nega”.

“Somos a garantía de que a partir do 29N, coa papeleta do BNG, imos impulsar o desbloqueo da lei da trata, a lei contra a violencia vicaria”, aseverou Presas, quen apuntou que co BNG se darán “máis pasos adiante porque Galiza sempre foi un dique de contención do machismo”.

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, defendeu que a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política real e non quedar en declaracións de intencións. Subliñou que esa prioridade ten que traducirse en recursos públicos, económicos, materiais e humanos suficientes para garantir a protección das mulleres, cuestionando que se destinen 35.000 millóns de euros anuais ao gasto militar fronte aos apenas 180 millóns de euros do Pacto de Estado contra a violencia machista. “Realmente é unha cuestión de prioridades”, apuntou, reclamando desde o BNG máis financiamento e un compromiso efectivo coa prevención, atención e protección das vítimas.

Da Silva defendeu tamén que os centros de crise 24 horas para vítimas de violencia sexual sexan públicos e se adapten á realidade territorial galega, fronte ao modelo privatizado existente en Galiza. Considerou insuficiente que a lexislación estatal estableza un centro por provincia, unha distribución que evidencia, ao seu xuízo, o descoñecemento das particularidades territoriais do País. “Cando menos debería esixir un por área sanitaria”, defendeu.

A candidata por Pontevedra advertiu igualmente das carencias do sistema VioGén, que debe garantir a cobertura e protección efectiva das mulleres en todo o territorio, incluído o rural e as zonas transfronteirizas galegas. Denunciou que a falta de sinal en determinadas zonas, algo moi habitual en boa parte da Galiza, pode deixar sen funcionar os dispositivos de protección, engadindo unha nova situación de angustia ás mulleres que xa viven sometidas á violencia machista. “Á angustia de ter que levar un dispositivo, á angustia de ter que vivir así, súmase a angustia de non ter cobertura”, alertou, reclamando máis medios materiais e humanos e unha dotación pública de recursos que permita que ningunha muller quede desprotexida por vivir nunha zona ‘escura’.

Por último, a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, afirmou que o BNG é a única candidatura que defenderá políticas feministas ante un avance do machismo que, remarcou, "fai necesario impulsar novos avances blindando e ampliando os servizos públicos para garantir o dereito das mulleres a vivir unha vida libre de violencia".

Rodil afirmou que o voto ao BNG garantirá "un compromiso feminista total" e lembrou neste 25N que a loita e a organización do movemento feminista permitiron "conquistar dereitos e espazos, máis queda moito camiño por percorrer para acabar coas discriminacións que sufrimos as mulleres".

A candidata por Lugo lembrou que o BNG propón medidas "concretas e necesarias" como a suficiente dotación de prazas xudiciais e de financiamento para medios materiais e humanos nas seccións de violencia sobre a muller dos tribunais de instancia. "Unha reclamación histórica do BNG sempre foi que Lugo contase cun xulgado específico para a violencia de xénero, unha cuestión que o Estado incluíu na última convocatoria de prazas xudiciais, mais é preciso que esta dotación inclúa tamén os medios necesarios para que a atención ás vítimas sexa a mellor posible", concluíu.

0.42515802383423