Pontón propón á Xunta a protección permanente de toda a vivenda protexida

Advirte que Galiza xa perdeu 7.000 pisos protexidos que pasaron ao mercado a prezo libre e pode perder outros 35.000 nos próximos anos
vivenda-protexida-santiago
28 May 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu as propostas do goberno alternativo do BNG para afrontar o “problema de emerxencia” no acceso á vivenda e entre as que destacou a protección permanente de toda a vivenda protexida, a compra de toda a que desta se poña á venda e un plan de compra masiva de vivenda para destinala a aluguer.

E fíxoo diante das últimas vivendas de protección pública entregadas hai xa 16 anos na cidade de Santiago, no barrio de Salgueiriños; 54 pisos que, ademais, foron impulsados polo BNG cando tivo a responsabilidade de goberno na Consellería de Vivenda.

“Isto é un símbolo do que está pasando non só nas cidades, senón no conxunto do País”, alegou, para exemplificar deste xeito o desmantelamento por parte do Goberno do PP da política social de vivenda impulsada polo Bloque nos seus anos de goberno, “deixando a miles de persoas tiradas”.

Pontón advertiu que o acceso á vivenda é “misión imposible” para miles de persoas, para a xente nova e para moitas rendas baixas e medias que, subliñou, “xa non pensan nin en comprar unha vivenda porque simplemente os prezos do aluguer están disparados e non hai solucións”.

Neste sentido, lembrou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que hai 33.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida, 1.900 delas en Santiago, cidade na que as últimas entregadas foron as impulsadas por unha Consellería de Vivenda do BNG.

“Isto significa que estes 17 anos foron 17 anos perdidos para as políticas de vivenda, cun goberno que fomentou a especulación na vez de defender o dereito á vivenda”, criticou ao Goberno do PP, a quen atribuíu unha responsabilidade directa na crítica situación na que nos atopamos hoxe nunha cuestión fundamental para a vida das persoas.

A líder do BNG pediu a Rueda que “deixe de enganar á cidadanía” con propaganda e publicidade, repetindo como un mantra que vai haber 4.000 vivendas protexidas nesta lexislatura “cando sabe perfectamente que isto non é real” e, nesta liña, recordou que nos últimos 17 anos o Executivo do PP non chegou nin ás 3.000 vivendas protexidas.

“Vemos como o Goberno do Partido Popular o único que ofrece é publicidade e propaganda e non está tomando as medidas que se necesitan para poder garantirlle o dereito á vivenda á xente”, sintetizou.

Fronte á incapacidade de Rueda para poñer solucións enriba da mesa, Pontón afondou nas propostas que o goberno alternativo do BNG levará a debate ao Parlamento galego, a comezar pola protección permanente de toda a vivenda protexida.

A portavoz nacional recordou que, a día de hoxe, un promotor privado pode recibir até 40.000 euros por construír unha vivenda protexida que en 15 anos pode estar no mercado libre a prezos imposibles para a maioría da cidadanía. “Isto non pode ser, polo tanto, protección permanente de toda a vivenda protexida”, sintetizou.

En segundo lugar, avogou por que a Xunta exerza o seu dereito de tanteo e retracto cando se venda vivenda protexida, algo que decidiu non facer coas arredor de 7.000 de pisos protexidos que se venderon durante os gobernos do PP porque, reprobou, “non confía nas políticas públicas de vivenda”.

“Cremos que é urxente que cambie esta dinámica porque nos próximos anos 35.000 vivendas protexidas van perder esa cualificación”, advertiu, para incidir na necesidade de que o Executivo exerza o seu dereito de tanteo e retracto sobre estes pisos cando se poñan á venda para compralos e destinalos despois a alugueiro.

Por último, Pontón apostou por que a Xunta poña en marcha un plan de compra pública de vivenda que permita mobilizar nos próximos cinco anos 4.000 vivendas, tendo en conta que en Galiza hai arredor de 90.000 pisos baleiros só nas cidades.

Isto, alegou, permitiría poñer a disposición da cidadanía vivenda dunha maneira moito máis rápida e económica que a nova construción, un proceso moito máis lento e máis caro que ten tamén un impacto medioambiental moi importante.

“En definitiva, como goberno alternativo, desde o BNG estamos poñendo propostas concretas que axudarían a acceder á vivenda a xente que neste momento non pode facelo, pero lamentablemente temos a un Goberno do Partido Popular que vai na dirección da propaganda e da publicidade e non é capaz de garantir ese dereito”, concluíu.

0.38344311714172