Pontón propón declarar zonas tensionadas en todos os concellos cos prezos do alugueiro descontrolados

Advirte que o boicot de Rueda á política social de vivenda derivou no maior incremento de prezos dos alugueiros na historia de Galiza
ana-ponton-parlamento
23 Sep 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo declarar zonas tensionadas todos os concellos nos que o prezo do aluguer está descontrolado, unha medida que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, boicotea “por ideoloxía” xa que “non defende o dereito á vivenda, senón a especulación”, recalcou.

Pontón defendeu tamén que a Xunta compre toda a vivenda protexida que se poña á venda, exercendo o seu dereito de tanteo e retracto, e desenvolva un plan de compra masiva de vivenda para aluguer co obxectivo de adquirir 4.000 vivendas no prazo de cinco anos, tendo en conta que hai máis de 90.000 pisos baleiros só nas grandes cidades.

Tres propostas concretas que a líder nacionalista puxo enriba da mesa nunha sesión de control na que contrapuxo as alternativas reais do BNG para afrontar a grave crise da vivenda á inacción dun Goberno dun PP que, lonxe de achegar solucións, “dinamitou a política social de vivenda” durante 17 anos de goberno.

A portavoz nacional evidenciou cos datos oficiais esta realidade: nin unha soa vivenda protexida en aluguer nos anos 2015, 2016, 2017, 2019 e 2021; tan só unha en 2018, 11 en 2020 e tres en 2022.

Así chegou ao ano 2023, cando o Executivo de Rueda “recoñeceu que non promoveu vivenda pública porque antes non detectara o problema”, lembrou. “Que perspicaz, señor Rueda, que gurú político”, ironizou, mostrándolle unha información xornalística que daba conta daquela “perla”.

Pontón afeou ao presidente da Xunta que “tras detectar” por fin o problema, usara o comodín dos anuncios, comprometendo en marzo de 2023 un plan de 250 millóns de euros para, textualmente, “ofertar máis vivenda e abaratala”, con 1.800 vivendas públicas para aluguer en 2026.

“Faltan tres meses para acabar 2026, onde están esas vivendas, señor Rueda? Facemos un tour para visitalas?”, retou ao titular do Executivo, ironizando sobre o seu habitual convite que utiliza como escudo cando a vivenda protagoniza o debate parlamentario.

“O que pasa é que sería un tour moi breve, porque de momento só entregaron 74 vivendas”, reprochoulle, para reprocharlle a continuación que aínda coas 24 que anunciou hoxe serán entregadas en Santiago a próxima semana, serán en todo caso tan só 98 vivendas fronte ás 1.800 comprometidas. “O que está demostrando é que a súa palabra non vale nada e a xente o que quere son feitos”, censuroulle.

A líder nacionalista remarcou que o boicot de Rueda á política social de vivenda derivou nun incremento dos prezos dos alugueiros nunca visto en Galiza, con subas nos últimos cinco anos dun 35% en Pontevedra, un 37% en Vigo, un 39% en Ourense e na Coruña, un 41% en Ferrol, un 45% en Santiago e un 58% en Lugo.

“Pero aí segue vostede boicoteando as medidas que permitirían abaratar o prezo dos alugueiros porque está do lado da especulación”, recriminoulle, para recordarlle a continuación que hai ducias de concellos que poderían ser declarados zonas tensionadas, unha medida que permitiría controlar os prezos e acadar máis recursos do Estado para vivenda. “Pero vostede di que non, por que, señor Rueda?”, cuestionou.

Pontón considerou “gravísimo” que o presidente da Xunta minta para “tapar a súa incompetencia” ao manter que as zonas tensionadas baixan a oferta. “Entón, por que en Vigo, en Pontevedra, en Ourense ou en Lugo, baixou a oferta se non hai zonas tensionadas?”, preguntoulle.

“Será por que a xente está en tan mala situación que non quere cambiar de piso porque cada vez que cambio de piso o que ten é un contrato máis alto?”, afondou, despois de lembrarlle que alugar un piso por menos de 800 euros nas cidades é hoxe case imposible e o aluguer dunha habitación xa alcanza os 400 euros.

“Co que antes alugabas un piso, agora con sorte tes un cuarto con dereito a cociña, non sei se así entende por que a moitos galegos e galegas non lle saen as contas”, incidiu, logo de afearlle “o argumentario de patacón” co que, sesión de control tras sesión de control, vai ao Parlamento a facer oposición ao BNG, porque “a súa política é indefendible” e quere “esconder a súa incompetencia”.

A portavoz do BNG evidenciou así que en Galiza hai un problema grave porque miles de persoas non poden acceder á vivenda e que, pese á que ten na súa man ferramentas para palialo, a Rueda “non lle preocupa o que lle pasa aos galegos e ás galegas”.

“O que lle preocupa é que unha minoría se faga rica a costa dos dereitos da maioría e ese non é un modelo social de futuro”, reprochoulle, para rematar pedíndolle que “se poña as pilas e abandone a propaganda” porque en Galiza “hai miles de persoas que case o único que poden pagarse é unha habitación”. “Iso denota un goberno e un futuro que, desde logo, non é ao que aspiramos”, concluíu.

0.34087705612183