Pontón propón un plan contra as horas extra ilegais e acusa a Xunta de criminalizar á clase traballadora

A líder do BNG cifra en 160 millóns anuais a fraude e critica a xestión sanitaria e laboral do Goberno galego.
Ana Ponton
22 Apr 2026

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo no Parlamento galego a posta en marcha dun plan para loitar contra a fraude nas horas extra ilegais, que cifrou en 160 millóns de euros anuais.

Durante a sesión de control, Pontón denunciou que cada semana se realizan en Galicia arredor de 122.000 horas extraordinarias non remuneradas, o que supón unha perda de dereitos para a clase traballadora. “Son horas que non se pagan nin con salarios nin con días libres”, advertiu.

A líder nacionalista criticou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, por “ignorar esta realidade” mentres, segundo indicou, promove unha “criminalización” das persoas traballadoras a través do discurso sobre as baixas laborais.

Pontón lembrou que Galicia é a segunda comunidade con menos baixas do Estado, con 24 por cada mil persoas afiliadas á Seguridade Social, fronte ás 34 da media estatal, segundo datos da AIREF.

Neste contexto, responsabilizou á Xunta da duración das baixas debido á situación da sanidade pública, que cualificou de “colapsada”, sinalando problemas como a falta de profesionais ou o incremento das listas de espera.

A portavoz nacional tamén puxo o foco na sinistralidade laboral, lembrando que Galicia é a cuarta comunidade con máis mortes no traballo, con 666 falecementos entre 2014 e 2025.

Ademais do plan contra as horas extra ilegais, o BNG propón medidas para mellorar as condicións laborais e de seguridade no traballo, así como reforzar a sanidade pública para reducir a duración das baixas.

Pontón acusou ao Goberno galego de “desviar o foco” e reclamou que se poñan en marcha políticas que garantan os dereitos das persoas traballadoras, en lugar de cuestionar o seu comportamento.

0.3441059589386