Pontón reclama unha declaración de zona tensionada de vivenda para os "cen concellos que cumpren os requisitos"

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que declare de oficio todos aqueles concellos galegos que cumpran os requisitos como Zonas de Mercado Residencial Tensionado, o que contribuiría a frear os “prezos disparados” que sofren os galegos e as galegas e recibir máis financiamento do Estado para as políticas públicas de vivenda, dado que neste momento, Galiza perde millóns de euros polo boicot do PP.
Pontón explicou en rolda de prensa que nos últimos cinco anos o prezo medio do alugueiro subiu un 57% en Ferrol, un 46% en Santiago, un 45% en Pontevedra, un 44% en Lugo, un 39% en Vigo e Ourense e un 37% na Coruña, un incremento que se sitúa no 43,7% nas localidades de máis de 20.000 habitantes e nun 40% naquelas que teñen entre 5.000 e 20.000 habitantes.
“Isto quere dicir que hai máis de 100 concellos neste País que cumprirían os requisitos para ser declarados como mercados tensionados”, sintetizou destes datos, logo de reprochar ao Goberno do PP que só se coñecen as medias, dado que se nega a facilitar os datos por municipios.
A portavoz nacional indicou que a declaración de zonas tensionadas permitiría, en primeiro lugar, limitar a escalada dos alugueiros, grazas a unha medida “que funciona”, tal e como queda demostrado en Cataluña, onde por iniciativa da Generalitat máis de 300 concellos obtiveron esta declaración, o que provocou unha redución media no prezo do alugueiro de 1,3 puntos, unha rebaixa que, no caso concreto de Barcelona, chega ao 4,7%.
“Polo tanto, aquí tamén poderiamos estar contendo os prezos do alugueiro, pero o Partido Popular prefire poñerse do lado da especulación e non do das familias”, resumiu.
En segundo lugar, a líder nacionalista denunciou que o boicot do Executivo de Rueda á declaración de zonas tensionadas está provocando que Galiza perda millóns de euros para políticas, o que exemplificou dunha maneira moi gráfica.
“Unha promoción de 80 vivendas protexidas recibiría 680.000 euros adicionais nunha zona tensionada e até 1,3 millóns máis se se fai con construción industrializada”, explicou, para recalcar que son recursos que permitirían construír máis vivendas de maneira máis rápida e poder así ofrecer alugueiros accesibles”.
Nesta mesma liña, recordou que o Goberno central está subvencionando con recursos extra as zonas tensionadas, recursos destinados á comprar de solo, á adquisición de vivendas destinadas ao alugueiro social ou para avalar impagos de persoas novas e familias vulnerables.
Un fondo de axudas polo que Cataluña vai recibir 60 millóns de euros e Euskadi 15,5 millóns, mentres Galiza só percibirá cinco millóns. “Só recibiremos cinco millóns por responsabilidade do Partido Popular, porque aquí só hai dous concellos declarados, Santiago e A Coruña, que, ademais, conseguiron esa declaración a pesar da Xunta e non grazas á Xunta do PP”, criticou.
Neste punto, e a preguntas dos medios, Pontón considerou “inaceptable” que un Executivo do PP que fixo todo o posible para que non se declararan zonas tensionadas” queira quedar cos recursos adicionais que chegan grazas a esa declaración. “É inaceptable que a conselleira de Vivenda diga que eses recursos se poden destinar a unha finalidade diferente de que vaian precisamente a solventar os problemas de acceso á vivenda neses concellos declarados como zonas tensionadas”, subliñou.
En todo caso, emprazou a Rueda a explicarlle aos galegos e galegas por que, nun momento de emerxencia de acceso á vivenda -á que as familias destinan por primeira vez máis do recomendado, o 32% da renda-, o seu goberno renuncia “por ideoloxía” a ferramentas que “permitirían rebaixar o prezo dos alugueres e tamén a millóns de euros para facer vivenda pública”.
O PP, obxector de conciencia na política pública de vivenda
“O Partido Popular é obxector de conciencia na política pública de vivenda porque a súa teoría é que o mercado se regula só, cando estamos vendo que o mercado se regula só a costa da xente e en contra da xente”, afeou, logo de acusar ao titular do Executivo de ser “o responsable directo” de que os prezos no acceso á vivenda estean disparados no País e de que, co seu boicot á declaración de zonas tensionadas, “Galiza perda millóns de euros para a política social de vivenda”.
Neste contexto, o Goberno alternativo do BNG pon sobre a mesa un paquete de medidas que levará ao Pleno do Parlamento, a comezar pola declaración de oficio por parte da Xunta de todos os concellos que cumpran os requisitos de mercados tensionados.
Ademais, propón a dotación dun réxime sancionador e de inspección nos mercados tensionados que xa existen para “evitar que estas medidas que se conteñen se poidan saltar como na actualidade”.
En terceiro lugar, o Bloque exixe á Xunta transparencia, para o que lle reclama a publicación do Mapa de Tensión Residencial de Galiza e, por último, defende a derrogación da disposición adicional 24 da Lei de Vivenda, “unha trampa legal que coaron nesas leis de acompañamento que fan cos orzamentos e onde lle pasan as súas competencias aos concellos, que non teñen medios para poder exercelos”, advertiu.
A líder nacionalista incidiu en que estas propostas van na boa dirección, pero que por si soas non van solucionar todos os problemas da vivenda, polo que urxiu ao Executivo de Rueda a aplicar outras medidas, como a mobilización de vivenda baleira, o control e redución da vivenda turística ou o impulso dun parque público de vivenda en alugueiro.
“É unha indecencia política que o Goberno do Partido Popular, por ideoloxía, prefira que os alugueres sigan afogando ás familias a tomar decisións que axuden nun momento no que estamos vendo unha crise de vivenda tan grave neste País”, concluíu.