Pontón reivindica este 25 de xullo o papel do BNG como defensor inquebrantable de Galiza: “Somos a esperanza deste País”

Proclama que está en marcha un cambio “imparable” e anima a seguir ensanchando a base social e electoral dun Bloque que sae “a por todas”
ponton-manifestacion-quintana-bng-dia-de-galicia
25 Jul 2026

Nun multitudinario Día da Patria que abarrotou as rúas de Compostela e deixou pequena a Praza da Quintana, a portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou o papel do BNG como defensor a toda costa de Galiza e alternativa de goberno a favor do País, en contraposición co PP “máis incompetente e desleal da historia”.

“É o momento de seguir con rumbo certo e sen desviarnos do noso obxectivo de defensa inquebrantable de Galiza e da súa xente”, subliñou, un sinal de identidade que converteu ao Bloque no referente e na alternativa de todas as persoas que pensan que Galiza merece máis: “O BNG é a esperanza deste País”, proclamou Pontón.

A líder nacionalista trasladou a idea de que está en marcha “un cambio imparable”, o protagonizado por esa cidadanía que logrou a vitoria de ALTRI fronte a un PP “traidor”, “un cambio imparable que aposta por un novo modelo de goberno que confíe no País, no seu potencial e na súa xente, un goberno sen sucursalismos para que Galiza non sufra nunca máis a deslealdade e a submisión a Madrid”, explicou.

Neste sentido, Pontón explicou con exemplos como sería ese goberno alternativo do BNG capaz de “cambiar o guión” e pasar da traizón á defensa do País.

Un goberno que poña a riqueza ao servizo da sociedade; que mude o espolio eólico por un modelo enerxético sustentable a favor da xente e do territorio; que cambie a eucaliptización por un monte multifuncional capaz de combater o lume; un goberno que aposte por industria de vangarda baseada na ciencia; que defenda os servizos públicos, que trate a vivenda como un dereito colocando a vida das persoas por diante da especulación ou que defenda ás mulleres en lugar de aplaudir a quen as agrede.

De cara a ese reto, instou a seguir ampliando a base social e electoral dun Bloque que ten as “portas abertas” a todas as persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón: “Somos moitas, pero temos que ser máis”, instou, e para iso “cada palabra conta, cada acción suma, cada persoa multiplica sabendo que o BNG é un proxecto para unir Galiza”.

Neste sentido, Pontón puxo as municipais de maio de 2027 como o primeiro reto fixado no calendario electoral para seguir demostrando que o BNG non ten teito.

“Galiza merece máis e imos conseguilo, paso a paso, concello a concello; imos facerlle ver á xente que hai unha maneira diferente de pensar e gobernar o País, poñendo ás persoas no centro como facemos onde gobernamos; por iso pídovos que saiamos a gañar, sen poñernos límites e demostraremos outra vez máis que hai un BNG imparable que é a esperanza deste País”, recalcou, en contraposición a un PP desleal e traidor

Rueda, na pancarta contra o galego

Un goberno popular ao que reprochou especialmente a súa política lingüicida que colocou ao galego no peor momento da historia.

“Rueda segue detrás da pancarta contra o galego, por iso mantén o decreto da vergoña e por iso non quere reunirse comigo para falar sobre o futuro da nosa lingua, porque a súa folla de ruta é clara: facer do galego unha lingua residual e impoñer o monolingüismo en castelán. Non o conseguirá porque enfronte hai unha sociedade cun inmenso orgullo de ter idioma propio”, subliñou.

Na súa intervención, definiu Galiza como “froito vivo de séculos de historia, de cultura e de identidade construída xeración tras xeración”, deixando claro que “Galiza é unha nación que ten todo o dereito a escribir a súa propia historia”.

“Esta é unha nación con raíces profundas que seguiu en pé porque cando quixeron negar a nosa existencia houbo persoas valentes dispostas a defendela, cando pretenderon condenarnos ao esquecemento, este pobo ergueuse para dicir aquí estamos e aquí seguimos!”, proclamou, tras reivindicar a loita antifascista de Bóveda e Reboiras, dos que o Bloque se sente herdeiro, fronte a un PP cuxo fundador era un ministro franquista que asinou sentenzas de morte.

Pontón non obviou o contexto estatal marcado pola crispación e a corrupción “crónica e sistémica” do bipartidismo e contrapuxo esa “nube rancia e tóxica” da política madrileña co traballo íntegro do BNG a través do deputado Nestor Rego e da senadora Carme da Silva, “con avances impensables e positivos para Galiza” como a histórica transferencia da AP-9, as rebaixas nas peaxes ou a quita de 4.000 M€ na débeda pública.

“Que non seremos capaz de lograr cun BNG máis forte en Madrid?”, preguntábase, convencida de que cada vez máis xente descobre que “o útil para Galiza é apoiar ao Bloque. Non obviou tampouco o contexto internacional marcado polas guerras e pola inxerencia de Trump ante o vasalaxe da UE, que aumenta en gasto militar a costa de empeorar a vida da xente.

“Chámanlle democracia pero é imperialismo puro e duro, que alenta e patrocina ao Estado terrorista de Israel, que promove á invasión de Siria, á limpeza étnica no Líbano ou o xenocidio en Gaza, unha atrocidade que non nos cansaremos de denunciar porque Palestina non está soa e non van enterrar a dignidade de todo un pobo. Palestina vencerá e TRUMP e Netanyahu serán xulgados, como o que son, criminais de guerra”, augurou.

Pese as dificultades, non é momento de baixar os brazos, ao contrario, “a esperanza dunha Galiza mellor é a que nos une aquí hoxe, con miles de corazóns latexando como un só e con esa unión e con esa forza somos imparables”, concluíu Pontón unha intervención na que estivo precedida polo secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gaviás, nunha Quintana abarrotada que contou con numerosas delegacións políticas, de dentro e fora do Estado e unha ampla representantes de colectivos e plataformas sociais de todo o País.

0.3224618434906