Pontón reta a Rueda a anular a prórroga "ilegal" da AP-9 concedida por Aznar

Anuncia unha ofensiva institucional do BNG para exixirlle que inicie o procedemento para lograr a gratuidade e deixe de boicotear a transferencia
ana-Ponton-en-Pontevedra-con-alcaldes,-alcaldesas-e-portavoces-municipais-AP-9
10 Sep 2026

A portavoz nacional, Ana Pontón, retou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a traballar para acabar coa “estafa das peaxes” na AP-9 solicitando ao Goberno central que revise de oficie e anule a ampliación ilegal concedida polo Goberno do PP presidido por José María Aznar.

Pontón avogou por este mecanismo como a vía máis rápida para lograr que os galegos e as galegas deixen de pagar canto antes as peaxes, dado que xa hai unha sentenza das institucións europeas que considera ilegal esa prórroga.

“A pregunta é por que Rueda non quere promover esta revisión de oficio e por que prefire que os galegos e as galegas sigan pagando unhas peaxes que son unha auténtica estafa legalizada que nos impuxo o seu partido co señor Aznar no Goberno central”, cuestionou desde Pontevedra, onde mantivo un encontro con alcaldes, alcaldesas e portavoces municipais dos concellos pontevedreses polos que discorre a autoestrada.

Logo de indicar que este mecanismo sería moito máis rápido “para acaba con esta estafa canto antes” que a vía europea, que se podería prolongar durante anos, a líder nacionalista recordou que xa hai unha asociación de transportistas que xa está traballando nesta dirección e que o Goberno de Asturias acaba de promover fronte ao Ministerio de Transportes unha revisión da prórroga das súas autoestradas.

“Eu reto ao señor Rueda a que deixe de enganar aos galegos e ás galegas e que realmente traballe para acabar coa estafa das peaxes, promovendo esta revisión de oficio e a anulación desa ampliación que é unha ilegalidade, non porque o diga o BNG, que tamén, senón porque o están recoñecendo as institucións europeas”, recalcou.

A portavoz nacional anunciou unha ofensiva institucional do BNG tanto no Parlamento como a nivel municipal: primeiro, volvendo a levar á Cámara galega a proposta para reclamar esa revisión de oficio e a anulación da prórroga ilegal do PP e, en segundo lugar, cunha moción en todos os concellos polos que discorre a AP-9 para defender esta mesma proposta e para que “o señor Rueda deixe de boicotear a transferencia” da autoestrada.

Neste punto, reprochou ao titular do Executivo que siga defendendo “os intereses de Audasa, na vez de defender os dos galegos e das galegas”. “Á hora da verdade, a conclusión é que Rueda e o Partido Popular o que queren é que a AP-9 se xestione en Madrid e sigamos pagando peaxes no 2048”, afirmou, para cualificar de “artimañas e mentiras” a posición do PP, que terá que explicar “o presidente do ‘Non a Galiza’”.

Pontón denunciou neste sentido que o presidente da Xunta “está mentindo aos galegos e ás galegas” en relación á transferencia desta infraestrutura, xa que “a lei di con total claridade que o custo dun eventual rescate ten que asumilo o Estado”.

“Eu pregúntolle ao señor Rueda por que ten que mentirlle aos galegos e ás galegas e por que sigue boicoteando unha transferencia que dicía que quería para o noso País”, interpelou, para lamentar a continuación que o presidente do ‘Non a Galiza’ defenda os intereses de Audasa “pero non os intereses dos galegos e das galegas”.

A líder nacionalista reivindicou o traballo do BNG para conseguir que se levantase o veto das forzas estatais e se aprobase a Lei que recolle a transferencia da autoestrada galega, 20 anos despois, e tal e como está recollido no acordo de investidura co PSOE. “Non foi fácil, houbo que pelexar e negociar moito, e tamén porque sabemos que as forzas centralistas quería que esta autoestrada se seguira xestionando desde Madrid”, subliñou.

Nesta liña, recordou que o propio PP tivo dúas lexislaturas cun goberno de Mariano Rajoy que, non só non transferiu a AP-9 a Galiza, senón que impediu que se chegara a debater a lei que enviara o Parlamento galego ao Congreso cun veto que tivo que levantar o Tribunal Constitucional.

“Conseguimos un avance histórico para este País cun Partido Popular que está poñendo paus nas rodas porque a transferencia conséguese co voto en contra do PP, que se pon de ganchete con Vox en contra de Galiza, algo que non acaba de explicar”, recordou.

Un avance, afondou, que chega despois de que o BNG tamén lograra descontos de até o 75% nas peaxes para usuarios e usuarias recorrentes. “Conseguimos descontos importantes, conseguimos a transferencia e queremos máis, queremos acabar cunhas peaxes que son unha estafa legalizada e queremos que a AP-9 se xestione desde Galiza”, concluíu.

0.35714793205261