Presentación das curtametraxes de animación finalistas dos Premios Mestre Mateo na Estrada

O acto terá lugar mañá, mércores 14 de outubro, ás 18:00 h nos Minicines Central, con entrada libre ata completar a capacidade da sala
curtametraxes-ciclo-mestre-mateo
13 Oct 2026

Os Minicines Central da Estrada acollerán mañá, mércores 14 de outubro, unha sesión do Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade dedicada ás curtametraxes finalistas na categoría de Mellor Curtametraxe de Animación dos XXIV Premios Mestre Mateo: Lucus, Nuno, O mesmo e O corpo de Cristo. A actividade comezará ás 18:00 h e incluirá a presentación das obras e a súa posterior proxección, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

O acto contará coa participación de Jacobo Sutil, director da AGADIC; Miguel Mariño, director da Academia Galega do Audiovisual; e representantes das obras seleccionadas: Virginia Curia, directora de O mesmo e Iván Iglesias, produtor de Nuno.

Esta sesión forma parte do Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade, no que 24 concellos das catro provincias proxectan todas as curtametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo grazas a colaboración da Academia Galega do Audiovisual con Agadic.

O Ciclo Mestre Mateo Galicia Calidade, impulsado pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), nace para dar resposta a unha das principais dificultades das curtametraxes: a falta de espazos de exhibición máis alá do seu paso polos festivais e dos posibles recoñecementos nos premios. A iniciativa crea un circuíto estable que permite prolongar a vida das obras, ofrecerlles novas oportunidades de difusión e facilitar o encontro entre as creadoras e creadores e o público.

A través das proxeccións en localidades das catro provincias galegas, o ciclo contribúe tamén a descentralizar a oferta cultural e a achegar o cinema galego a públicos que non sempre teñen acceso a este tipo de propostas. Deste xeito, as curtametraxes gañan novos espazos de exhibición e a creación audiovisual galega conta cunha vía máis para chegar á cidadanía, alén do circuíto de festivais e dos premios.

. O ciclo tamén inclúe unha sesión das curtametraxes finalistas na categoría de Mellor Curtametraxe de Imaxe Real: Abellón, Algo novo que contar, Curmán e Adeus, Berta.

0.46507692337036