Presentada nas Pontes a nova empresa de transformación de dunita en materiais de industria

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, agradeceu hoxe ao grupo Pasek a aposta que está a facer por Galicia co seu novo proxecto nas Pontes que, segundo dixo, representa moi ben a estratexia industrial da Xunta e a diversificación económica que se busca para a comarca de Ferrolterra.
“Agora podemos dicir que toda esta zona significa defensa, transformación mineral e unha morea de cadeas de valor que, a partir de aí, vanse poder ir constituíndo”, dixo Lorenzana na presentación de Duncon, a nova planta que Pasek vai poñer en marcha no polígono de Penapurreira dedicada á transformación da dunita en materiais con aplicación na industria. O proxecto, indicou a compañía, supón un investimento de 70 millóns de euros -23 millóns na fase inicial- e xerará en torno a 30 empregos asociados a esa etapa de inicio e ata un cento vinculados ao desenvolvemento completo.
Lorenzana indicou que este proxecto está aliñado coa minería innovadora, sustentable e comprometida co territorio que defende a Xunta a través dos plans sociais que se lles exixe aos promotores. “Un dos grandes valores que ten a nosa economía son os recursos naturais, e o que queremos facer coa minería non é soamente aproveitar ese mineral, queremos que se transforme en Galicia, que xere cadeas de valor industriais e que, polo tanto, repercuta en maior emprego e plans sociais para os municipios próximos ás minas”, explicou. “Este proxecto implica todo iso”, apostilou, para subliñar que “toda empresa que queira vir” ten que “entender o modelo que se está facendo en Galicia”.
Duncon conta xa cunha parcela adquirida de 41.000 m² de superficie cunha nave de 19.000 m² no polígono de Penapurreira, que actualmente está completo, lembrou a conselleira, quen fixo referencia ao programa Galicia Industria 360, que ofrecerá naves e vivendas para as empresas que queren instalarse na Comunidade se así o precisan