Presentada no Parlamento a nova Lei de Administración Local

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presentou hoxe no Parlamento o proxecto da nova Lei de Administración Local de Galicia, no marco do debate á súa totalidade durante a súa tramitación parlamentaria. Así, destacou que se trata dunha norma adaptada á realidade de Galicia e preparada para os retos do futuro tendo en conta as particularidades da comunidade e aspectos como a diversidade do mapa municipal, a dispersión e o avellentamento da poboación ou o reto demográfico.
Deste xeito, o proxecto reforza ás deputacións provinciais como administracións de asistencia e cooperación, facilita que os concellos compartan recursos e presten servizos de maneira máis eficiente, incorpora ferramentas tecnolóxicas para a modernización da organización municipal e fixa un novo modelo de financiamento local. Polo tanto, supón unha revisión integral do modelo de administración local galega dentro das competencias da comunidade.
Na súa intervención, lembrou que o texto, que se atopa en tramitación parlamentaria, foi sometido a un proceso de audiencia e información pública no que se avaliaron preto de medio milleiro de achegas procedentes de medio cento de entidades galegas. Ademais, o proxecto é resultado dun proceso participativo con estudos, congresos e outras iniciativas dirixidas a recoller as necesidades das entidades locais. A nova lei permitirá ademais simplificar o ordenamento xurídico galego ao derrogar cinco leis autonómicas e integrar nun único texto cuestións dispersas en distintas leis.
Maior claridade competencial e reforzo das deputacións
Entre os obxectivos da norma figura o de clarificar a distribución das competencias locais, sen atribuír novas competencias aos concellos nin ás deputacións, senón concretando e ordenando as que xa teñen recoñecidas. Neste sentido, o proxecto reforza precisamente o papel de asistencia das deputacións provinciais aos municipios, sobre todo aos de menos de 20.000 habitantes, de menor capacidade económica e en situación de reto demográfico. Os concellos poden delegar determinadas competencias nas deputacións mediante acordos plenarios e convenios e regúlase a Asesoría Xurídica Provincial que asumirá a defensa dos concellos de menos de 5.000 habitantes que o soliciten.
A norma incorpora tamén, como novidade, mecanismos para reforzar a participación municipal na elaboración dos orzamentos provinciais mediante unha consulta electrónica non vinculante, a través da cal os concellos poderán trasladar as súas prioridades. Así mesmo, establécese que as deputacións deberán destinar como mínimo o 15 % dos seus recursos ao Plan Provincial de Obras e Servizos de Competencia Municipal.
Segundo indicou o conselleiro, a nova lei incorpora novas fórmulas de cooperación voluntaria e flexible entre concellos, pensadas especialmente para que os municipios de menor tamaño poidan sumar capacidades, reducir custos e garantir a prestación adecuada dos servizos públicos.
Entre estas figuras destacan as áreas funcionais de carácter temporal, que permitirán que varios concellos colaboren durante un período determinado para prestar servizos en conxunto ou desenvolver actuacións de interese común. Outra das principais novidades son as agrupacións de municipios para compartir persoal. Esta posibilidade, ata agora só prevista para persoal funcionario con habilitación de nacional, amplíase a outros perfís técnicos, polo que, con esta medida, preténdese facilitar que concellos que de maneira individual non poden asumir determinados postos profesionais dispoñan deles mediante fórmulas compartidas. Tamén se reforzan as mancomunidades e mantense a aposta polas fusións voluntarias de municipios.
Modernización da organización e do funcionamento da Administración local
A futura lei incorpora tamén importantes novidades na organización e no funcionamento dos concellos, co obxectivo de adaptar as estruturas municipais ás necesidades actuais e avanzar cara a unha Administración local máis moderna, accesible e transparente.
Entre estas medidas, clarifícanse as competencias da Alcaldía e do Pleno e prevese a posibilidade de crear a figura da vicealcaldía nos municipios de máis de 30.000 habitantes. Nos concellos desta poboación tamén se establece a Xunta de Voceiros con carácter obrigatorio -ao igual que nas deputacións provinciais- e incorpóranse órganos específicos de participación destinados a facilitar unha maior implicación da cidadanía e das asociacións na vida municipal.
Un dos principais avances producirase no ámbito da administración electrónica e do funcionamento telemático dos órganos municipais. A lei regula as sesións mixtas e a distancia dos órganos colexiados e permitirá, nos supostos previstos, a asistencia telemática de concelleiros e concelleiras. O proxecto regula tamén a retransmisión das sesións plenarias reforzando así a transparencia e facilitando o acceso da cidadanía á actividade dos órganos municipais. A modernización esténdese á propia xestión administrativa, coa incorporación do uso de sistemas de intelixencia artificial na toma de decisións, adaptando o seu emprego ao funcionamento da Administración local.
Por primeira vez incorpórase un tratamento específico para os municipios en situación de reto demográfico. Para estes concellos establécese unha asistencia prioritaria mediante a cooperación entre Xunta e deputacións e introdúcese esta figura como unha das variables do reparto do Fondo de Cooperación Local (FCL).
Un novo modelo de financiamento local
Finalmente, segundo indicou Diego Calvo, un obxectivo prioritario da futura lei é o reforzo do financiamento municipal e da autonomía dos concellos para decidir o destino dos seus recursos. Neste sentido, o novo modelo incrementará os fondos de libre disposición, que pasarán dos 118 millóns de euros actuais a preto de 140 millóns. Supón arredor de 22 millóns máis que os concellos poderán destinar ás necesidades que determinen segundo as súas prioridades. Este incremento quedará garantido na propia lei como un mínimo para o futuro, reforzando a estabilidade e a suficiencia financeira das entidades locais.
Así, un dos eixes principais da futura lei é a regulación dun novo modelo de participación dos municipios nos tributos da comunidade autónoma, reforzando os recursos locais a través do Fondo de Cooperación Local (FCL). A propia lei vincula a contía do FCL á evolución dos ingresos da comunidade autónoma, de forma que o fondo incrementarase, como mínimo, na mesma porcentaxe que os ingresos tributarios autonómicos, garantindo ademais que ningún concello reciba menos recursos que no ano base.
O FCL divídese en dous tipos: o fondo incondicionado para gastos non homoxéneos e o fondo incondicionado xeral. Por unha parte, o fondo incondicionado xeral representa preto do 89% do total do FCL, o que permitirá que os concellos decidan libremente o destino de case nove de cada dez euros recibidos a través deste mecanismo. Para adaptar o financiamento ás características reais de cada concello, a súa distribución terá en conta variables como a poboación, o avellentamento, a superficie, a dispersión, a situación de reto demográfico e o esforzo fiscal. Ademais, todos os municipios terán garantida unha contía mínima anual de 100.000 euros vinculada aos custos fixos.
A parte restante dos recursos destinarase aos fondos para a compensar necesidades específicas relacionadas coa prestación de determinados servizos e a apoiar investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico.
O PSOE esixe a retirada da leu "porque os concellos non necesitan máis tutela nin máis obrigas sen financiamento"
A portavoz de Administración Local do Grupo Socialista, Lara Méndez, pediu hoxe a retirada da Lei de Administración Local de Galicia porque “os concellos non necesitan máis tutela nin máis obrigas sen financiamento”. Méndez presentou a emenda de devolución á Lei que comezou hoxe o trámite parlamentario, para reclamar unha nova redacción “construída dende o diálogo”.
Méndez reclamou unha norma “que clarifique competencias, que garanta financiamento suficiente, que respecte a autonomía municipal e provincial, que responda ao reto demográfico e que sexa construída dende o diálogo cos concellos e coas organizacións representativas”. Criticou que o goberno galego presentou esta norma sen ter escoitado as aportacións da Fegamp e apenas sen deixar tempo para alegacións, e advertiu que “non se pode reformar o municipalismo sen escoitalo”.
A responsable socialista esixiu unha norma “á altura dos concellos”, que deben ser “fortes e non dependentes”, con “competencias claras e non responsabilidades sen recursos” e que convivan coa administración autonómica “con cooperación e non imposición” nin “subordinación política”.
Puntualizou que a proposición non de Lei fracasa á hora de resolver os problemas do municipalismo, que necesita unha norma que responda á súa realidade, que afronte o despoboamento, que garanta os servizos públicos e que permita avanzar cara un municipalismo forte, moderno e con capacidade de xestión”. Acusou ao PP de furtarlles o financiamento necesario para perpetuar unha administración que “dependa permanentemente da caridade do Goberno galego”.