Presentada unha nova edición da Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga


O Concello de Guitiriz presentou hoxe a programación completa e o cartel da XXXI Feira da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, que se celebrará o vindeiro domingo 19 de xullo. O evento está organizado polo Concello de Guitiriz e a Asociación Feira de Parga, coa colaboración da Deputación de Lugo, a través do Plan Único de Cooperación cos Concellos 2026; da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santo Estevo de Parga; e da Xunta de Galicia, a través do programa Cultura no Camiño de AGADIC.
O acto de presentación tivo lugar na Escola Habanera e contou coa participación da alcaldesa e deputada provincial de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e da concelleira responsable da área de Turismo, Pilar Vázquez.
Durante a presentación, a alcaldesa destacou que esta edición servirá tamén como homenaxe ás persoas que impulsaron os primeiros pasos da feira: “Queremos render homenaxe a aqueles veciños e veciñas que tiveron a idea de facer unha feira arredor dos callos, poñendo en valor o noso rural e as asociacións que traballan por mantelo vivo”.
Morandeira subliñou ademais que “non é doado manter un evento durante máis de trinta anos, e hoxe podemos dicir con orgullo que a Feira de Parga é unha feira recoñecida, unha das que máis xente atrae e unha referencia da tradición galega”.
Pola súa banda, a concelleira Pilar Vázquez destacou a variedade da programación prevista para toda a xornada: “Preparamos unha feira pensada para todos os públicos, na que conviven a tradición da cantería, a gastronomía dos callos, a artesanía, a música e os espectáculos familiares. O obxectivo é que veciñanza e visitantes poidan desfrutar dun día completo en Parga e seguir consolidando esta cita como un referente turístico e cultural do verán na comarca”.
Programación completa
A programación dará comezo ás 8:30 horas coa apertura do XXVIII Certame de Cantería. Ás 10:00 horas abrirase a mostra de artesanía, que contará con arredor de 25 postos de artesáns e artesás procedentes de distintos puntos de Galicia. A partir das 11:00 horas iniciaranse as actuacións musicais cos grupos municipais, Na Casa Zoqueiro e o pasarrúas do Grupo Caivanca.
Entre as 11:00 e as 13:30 horas desenvolverase tamén o Campionato Galego de Andadura. Ás 13:30 horas celebrarase o peche do Certame de Cantería e o pregón, que correrá a cargo da antiga asociación A Raxeira de Parga. Ás 14:00 horas terá lugar o fallo do xurado e a entrega de premios do certame.
Pola tarde, entre as 16:00 e as 18:00 horas, continuará o Campionato Galego de Andadura. Ás 17:30 horas o recinto feiral acollerá o espectáculo de maxia ‘Bruxa en prácticas’, da Meiga Belmonte, incluído no programa Cultura no Camiño de AGADIC. A xornada pecharase ás 19:00 horas coa actuación dos Camachuelos e o seu espectáculo ‘Versións á nosa maneira’, tamén coa colaboración de AGADIC.
XXVIII Certame de Cantería, con 1.500 euros en premios
Un dos principais atractivos da feira volverá ser o XXVIII Certame de Cantería, que mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 13 de xullo. As inscricións poden formalizarse a través da sede electrónica do Concello de Guitiriz ou no Rexistro Xeral municipal.
O obxectivo deste concurso é promocionar o oficio de canteiro e poñer en valor a pedra como un dos recursos patrimoniais e turísticos máis destacados do municipio. A participación está limitada a 15 persoas.
A organización facilitará a cada participante un cachote de granito silvestre e a temática da obra será libre. Os concursantes deberán achegar as súas propias ferramentas manuais para a elaboración das esculturas.
Os traballos realizaranse entre as 9:00 e as 14:00 horas. O concurso repartirá 1. 500 euros en premios, con 750 euros para a primeira persoa clasificada, 500 euros para a segunda e 250 euros para a terceira.
O xurado estará integrado por entre tres e cinco persoas designadas pola organización e valorará aspectos como a innovación e a orixinalidade da obra, a calidade técnica e estética da escultura e a complexidade da súa execución.