Presentado en Santiago o Compostela Tradfest, que inclúe os concertos do Xacobeo

A cita será o domingo 26 de xullo e contará con máis de doce horas de programación gratuíta en distintos espazos da cidade
compostela-tradfest
22 Jul 2026

Santiago de Compostela volverá converterse o vindeiro 26 de xullo nun gran escenario para a música tradicional coa celebración da oitava edición do Compostela TradFest, unha das citas máis destacadas da programación das Festas do Apóstolo e integrada nos Concertos do Xacobeo. Durante máis de doce horas ininterrompidas, a cidade encherase de concertos, ruadas e propostas musicais que conectarán a tradición galega con outras culturas do ámbito atlántico, ibérico e lusófono.

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación oficial do festival e destacou que "o Compostela TradFest eleva o valor dos Concertos do Xacobeo á hora de apoiar propostas que poñen en valor a identidade cultural de Galicia e que enriquecen a experiencia de quen visita a nosa comunidade". Neste sentido, sinalou que "a través da música tradicional e da súa capacidade para dialogar con outras culturas, o festival reforza o atractivo de Santiago como destino cultural nunhas datas tan sinaladas como as Festas do Apóstolo".

O representante da Xunta lembrou ademais que os Concertos do Xacobeo continúan impulsando unha programación diversa en todo o territorio galego, apoiando eventos que contribúen a descentralizar a oferta cultural e a consolidar Galicia como un destino de referencia para vivir a música en directo ao longo de todo o ano.

O Compostela TradFest desenvolverase en tres dos espazos máis emblemáticos do casco histórico compostelán: a Praza da Quintana, a Praza de Mazarelos e a Igrexa da Universidade, integrando o patrimonio monumental da cidade nunha experiencia cultural aberta e gratuíta para todos os públicos.

A programación reunirá artistas de Galicia e doutros países nun diálogo entre tradición e creación contemporánea. Entre os nomes máis destacados figuran Budiño, un dos grandes referentes da música galega actual; Felisa Segade, unha das voces máis recoñecidas da nova escena tradicional; a artista Ana Alcaide, acompañada polo estadounidense Bill Cooley; o portugués O Gajo; o arxentino Martín Bruhn; o gaiteiro escocés Allan MacDonald, xunto a Chick McAuley & Friends, ademais do coro compostelán Vox Stellae e da Banda Municipal de Música de Santiago, que abrirá a xornada co espectáculo Horizonte Tradi.

O festival completarase con ruadas durante toda a xornada, convertendo o centro histórico compostelán nun espazo vivo onde música, patrimonio e participación cidadá convivirán ao longo de todo o día.

Co apoio dos Concertos do Xacobeo, o Compostela TradFest continúa consolidándose como unha cita singular do calendario cultural galego, contribuíndo a reforzar o atractivo turístico de Santiago de Compostela mediante unha proposta que combina identidade, patrimonio e proxección internacional.

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que dá cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais da comunidade.

0.29382491111755