Presentado o festival Portamérica, que dará comezo este xoves

A celebración deste festival nun concello de reto demográfico impulsa a economía e o emprego ao mesmo tempo que consolida a aposta da Deputación por un turismo descentralizado
festival-portamerica
7 Jul 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, define o festival Portamérica como un dos maiores “estandartes” das Rías Baixas, un destino de primeira cunha oferta cultural extraordinaria. O mandatario provincial vén de participar este martes en Portas na presentación dunha nova edición dun festival que conta co apoio da Deputación a través da marca Rías Baixas Fest e que sube o pano este xoves cunha oferta que mestura a música nacional e internacional, gastronomía da man de recoñecidos cociñeiros de España e doutros países nunha contorna natural de alto valor como é a Azucreira. “Non se entende o verán nas Rías Baixas sen o Portamérica”, afirma López nun acto no que tamén estivo presente a directora de Turismo, Romina Fernández.

O festival Portamérica celébrase este ano entre os días 9 e 11 de xullo. Un evento que ofrece tres días de concertos con grupos de primeiro nivel do panorama nacional e galego, como Dani Martín, Hombres G, Fillas de Cassandra ou The Rapants; así como un “showrocking” no que chefs de recoñecido prestixio internacional como Pepe Solla, Eduard Xatruch ou Viviana Varese porán a disposición do público as súas mellores preparacións. Un festival que atrae cada ano a milleiros de persoas chegados de distintos puntos de dentro e fóra de Galicia e que, igual que o destino Rías Baixas, é referencia en sustentabilidade.

“Falamos de tres días de concertos, pero o Portamérica vai moito máis aló diso. É fonte de riqueza, emprego e pulo económico nun concello como Portas de menos de 3.000 habitantes, no que haberá máis de 1.300 contratacións e iso supón un gran impacto para un concello de reto demográfico, para a comarca de Caldas e as limítrofes. Cando falamos de descentralización do turismo, aquí temos un claro exemplo porque grandes cidades quererían para elas un evento como este, pero ten lugar nun concello como Portas. E tamén demostra o tirón que ten o turismo de interior que impulsamos desde a Deputación. O Portamérica é mostra de toda a riqueza das Rías Baixas: natureza, nun marco incomparable coa Azucreira ao fondo; gastronomía exquisita; e unha gran oferta cultural”, enumerou Luis López os beneficios de acoller na provincia un festival do nivel do Portamérica.

Neste sentido, lembrou o dirixente provincial, o apoio da Deputación a este e outros festivais que se celebran neste territorio a través da marca Rías baixas Fest. “Os Rías Baixas Fest recibiron este ano un salto importante a efectos de colaboración económica e o Portamérica é a súa punta de lanza”, recoñeceu o presidente, quen puxo en valor o labor que da produtora Esmerarte e do Concello de Portas, co alcalde e deputado provincial Ricardo Martínez á fronte, “por apostar para que o Portamérica teña aquí as mellores condicións”. Despois de reafirmar o compromiso da Deputación co festival, Luis López convidou a todo o mundo a achegarse esta fin de semana á Azucreira de Portas. “Quen proba, repite”, concluíu.

0.40371680259705