Presentado o Plan de Viabilidade invernal para a provincia de Pontevedra

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Alfonso Lago Ferreiro, presentou o dispositivo provincial de vialidade invernal 2026-2027, que establece os procedementos de coordinación dos organismos da Administración Xeral do Estado para garantir a seguridade da circulación na Rede de Estradas do Estado ante episodios de neve e xeo.
O protocolo, que coordina a Subdelegación do Goberno, involucra á Xefatura Provincial de Tráfico, Garda Civil, Policía Nacional e á Unidade de Estradas do Estado para anticipar incidencias, manter a circulación e atender as persoas que poidan quedar retidas.
O Plan contempla tres fases de actuación —alerta, preemerxencia e emerxencia— segundo as previsións meteorolóxicas e as condicións reais das vías. A información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) permite anticipar a mobilización dos medios e as medidas preventivas.
O subdelegado destacou a importancia da prevención e da coordinación entre organismos para ofrecer unha resposta rápida e eficaz ante os fenómenos meteorolóxicos adversos, especialmente nos tramos de maior altitude.
O dispositivo prevé a colaboración co 112 Galicia e a constitución dun centro de coordinación operativa cando a situación o requira, así como a adopción de restricións á circulación e medidas de atención ás persoas afectadas.
Na provincia de Pontevedra, os sectores de conservación da rede estatal dispoñen de 11 camións quitaneves convencionais e 7 vehículos esparexedores de salmoira, ademais de instalacións cunha capacidade de almacenamento de 2.050 toneladas de sal e 119.000 litros de salmoira.
Os medios repártense entre os sectores de conservación norte (PO-1), centro (PO-2) e sur (PO-3). Estas cifras corresponden aos sectores provinciais e non inclúen os recursos adicionais das autopistas concesionadas.
A rede atendida inclúe 326,354 quilómetros de estradas convencionais do Estado, 8,100 quilómetros de vías multicarril e 86,846 quilómetros de autovías.
O Plan identifica seis tramos de especial atención: a A-52 nas bocas do túnel de Folgoso (PK 267,100-283,000); a N-120 no alto de Fontefría (PK 609,900-627,000); a N-525 nos altos de San Martiño e Santo Domingo (PK 271,690-283,800); e a N-541 na Hermida e O Paraño (PK 51,150-88,500). Completan a relación dous tramos da N-640: o alto do Marco (PK 144,300-153,200) e o alto de Xindiriz (PK 185,000-195,000). En conxunto, os seis tramos suman aproximadamente 101,2 quilómetros.
Nestas zonas priorízanse as actuacións preventivas, o espallamento de fundentes, o despregamento dos equipos quitaneves e, cando sexa necesario, as restricións de tráfico.
Coordinación e información á cidadanía
O protocolo contempla mecanismos de comunicación permanente entre os organismos implicados, a regulación preventiva do tráfico pesado, a utilización de cadeas ou pneumáticos de inverno cando corresponda e a habilitación de zonas de estacionamento para vehículos retidos.
Como novidade desta campaña, a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) actualizou os códigos de cores e a denominación dos estados de vialidade por neve, néboa e vento, unificándoos cos niveis de aviso da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) para facilitar a comprensión da información por parte da cidadanía. Establécense catro niveis: amarelo (circulación afectada), no que se recomenda extremar a precaución; laranxa (circulación dificultada), que implica restricións e limitacións; vermello (circulación en condicións adversas), con restricións máis severas; e negro (vía intransitable), que supón o corte total da circulación.
Ademais, a DXT lembra que, en caso de nevadas que dificulten a circulación, os condutores deberán deixar libre o carril esquerdo para permitir o paso dos vehículos de emerxencia e dos equipos quitaneves, circulando polo carril dereito.
Tamén, por segundo ano, prevese a posibilidade de empregar o sistema ES-Alert, integrado na Rede de Alerta Nacional, para remitir avisos aos teléfonos móbiles en situacións de emerxencia que poidan comprometer a seguridade das persoas usuarias das estradas.