Presentado o primeiro censo do Patrimonio marítimo de Galicia, que documenta case 1.500 bens

Ribeira acolleu o acto, no que se deron a coñecer dúas das accións máis importantes do Plan da Cultura Marítima de Galicia - Horizonte 2030 (PCUMA)
presentacion-patrimonio-maritimo
21 May 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, xunto co conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participaron hoxe na presentación oficial do primeiro Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia e dos Espazos de Interese Cultural Marítimo (EICM), coñecidos como Áreas Nai. Esta iniciativa estratéxica, enmarcada no Plan da Cultura Marítima de Galicia (PCUMA), busca conservar, poñer en valor e difundir de xeito integral a herdanza litoral galega.

A titular de Mar salientou no acto, celebrado no auditorio municipal de Ribeira, a fonda vinculación da comunidade co medio mariño, afirmando que “O mar caracteriza as nosas paisaxes e marca as nosas vivencias, e a nosa identidade galega, porque Galicia é mar e os galegos tamén somos mar”. Por este motivo, Villaverde recalcou o compromiso do Goberno galego para que o desenvolvemento deste plan sexa “un proceso de diagnose e traballo compartido, interactivo, no que interveñan e poidan aportar o maior número de actores sectoriais e sociais”, abrindo as canles a toda a cidadanía para protexer un legado que debe chegar ás vindeiras xeracións.

Neste senso, López Campos fixo fincapé na importancia desta ferramenta “ao supoñer unha nova achega nese obxectivo común: o coidado dos nosos bens, que nos facilita traballar en rede xunto ás fundacións e asociacións que colaboran nese labor”. O titular de Cultura do Goberno galego erixiu a gran riqueza patrimonial galega, “que forma parte fundamental da nosa identidade cultural e que agora se atopa inventariada e accesible a todo o pobo galego”.

O Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia é un inventario exhaustivo e pioneiro, impulsado pola Consellería do Mar xunto coa Universidade da Coruña, que documenta, que pon en valor a herdanza litoral galega mediante a catalogación de 1.452 bens singulares (como antigas conserveiras, estaleiros, cetarias ou cargadoiros). Para acadalo, levouse a cabo un intenso traballo de campo dirixido polo doutor arquitecto Óscar Fuertes Dopico que permitiu mapear máis de 24.000 quilómetros do noso bordo litoral.

As Áreas Nai ou Espazos de Interese Cultural Marítimo (EICM), pola súa banda, son enclaves singulares da nosa costa que se preservaron da urbanización masiva, mantendo a súa esencia histórica e paisaxística. O proxecto identificou 28 destas áreas en Galicia, que destacan por ser conxuntos patrimoniais vivos nos que se mantén intacta a relación tradicional entre o mar e as comunidades mariñeiras locais.

Para garantir a difusión deste coñecemento, a páxina web do proxecto inclúe un visor interactivo que permitirá á cidadanía explorar o Censo e as Áreas Nai de maneira accesible. A plataforma ofrece información xeorreferenciada sobre os bens inventariados e incorpora un espazo de participación activa denominado “Achegas”, destinado a recoller novas contribucións e ampliar o coñecemento colectivo sobre a nosa identidade marítima, e que permanecerá activo ata finais do ano 2026.

0.27373814582825