Presentado o XIX Encontro Folk Lume na Lareira da Estrada para o 14 de novembro

O deputado provincial Jorge Cubela encadrou o apoio da Deputación ao festival na necesidade de achegar a cultura á xente de toda a provincia
presentacion-festival-folk-lume-na-lareira
6 Nov 2026

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou este venres no Pazo provincial a XIX edición do Encontro Folk Lume na Lareira, unha iniciativa impulsada pola Asociación Cultural Novos Tempos de Lume na Lareira que terá lugar o próximo 14 de novembro no Teatro Principal da Estrada co apoio da Deputación de Pontevedra, a través das achegas a actividades culturais, así como o Concello da Estrada e a Federación de Acordeonistas Españois. O deputado definiu o encontro como “unha das citas máis importantes para gozar do noso folk e a nosa tradición” e sinalou que eventos como este “axudan a facer provincia e unha marca como Rías Baixas”. O deputado estivo acompañado por Juan Ruibal Vilar, por parte da asociación, e Lucía Seoane, concelleira da Estrada.

O deputado provincial salientou que “Lume na Lareira volve á Estrada xa con maioría de idade e como un festival consolidado, nun dos concellos da provincia que teñen máis programación cultural durante todo o ano”. Neste sentido, Cubela puxo en valor os esforzos de organización que supón un festival desas características, xa que contará cun cartel onde ademais de grupos populares galegos daranse cita o campión do mundo e o de Europa de acordeón, tal como informaron desde a asociación. O deputado de Cultura asegurou que “este festival representa o que queremos ser como provincia, e demostra que desde a base se pode conseguir acadar renome e traer figuras internacionais”.

Jorge Cubela encadrou o apoio da Deputación de Pontevedra ao Lume na Lareira na necesidade de “levar cultura de calidade a todos os recunchos da provincia” e destacou que “a cultura tamén se constrúe desde as asociacións, desde o traballo desinteresado de moitas persoas e desde os concellos que manteñen vivas as súas tradicións”. Desde o concello lembraron que o prezo do certame, 5 €, mantense intacto desde o seu comezo fai case dúas décadas, e informaron de que xa quedan moi poucas entradas.

0.38706302642822