Presentan o programa da Feira de Gando de Augaxosa que comparte celebración coas festas patronais

A inauguración terá lugar ás 9.30 horas e repartirá máis de 800 euros en premios para as gandeirías que presenten un maior número de animais
presentacion-feira-do-gando-de-augaxosa
9 Sep 2026

O deputado de Medio Rural, Daniel García, participou na presentación da Feira de Gando Cabalar, organizada pola Asociación de Veciños de Augaxosa, que terá lugar este sábado, día 12 coincidindo coas festas parroquiais.

A Vicepresidencia da Deputación, a través da Área de Medio Rural, contribúe ao desenvolvemento desta cita coa achega de 5.000 euros, fortalecendo así a súa colaboración coas feiras cabalares que se celebran na provincia, especialmente na Mariña interior, e favorecendo a continuidade dunha tradición estreitamente ligada ao territorio.

Neste senso, Daniel García sinalou “o traballo da asociación veciñal á hora de manter unha feira documentada desde o século XVIII, e consolidada como unha das máis importantes da contorna e que, en anteriores edicións, reuniu arredor de 200 cabezas entre cabalos, eguas e poldros”.

A inauguración terá lugar ás 9.30 horas e repartirá máis de 800 euros en premios para as gandeirías que presenten un maior número de animais. Ademais, contará cunha mostra de razas autóctonas, demostracións de cestería e torneado de madeira, animación con música tradicional e postos de téxtil e alimentación.

Durante a xornada tamén se ofrecerán degustacións de hamburguesas de poldro de Pura Raza Galega, en colaboración coa Asociación de Criadores Puraga, como parte do programa de promoción de razas autóctonas Un gusto rural, un rural degusto.

Na contorna da feira poderase ver tamén a exposición Gardiáns de Jorge Arévalo, con imaxes que amosam o traballo diario nas ganderías, a pegada dos animais na cultura, os ciclos vitais ou as consecuencias dos lumes na actividade gandeira.

FESTAS PATRONAIS

Augaxosa prepara tamén tres días de celebración con motivo das festas na honra a San Roque, que terán lugar a fin de semana.

Os festexos comezarán o venres a partir das 21.30 horas cunha pulpada popular, que ofrecerá un menú composto tamén por xamón cocido, churrasco, sobremesa e café. A continuación, a verbena estará amenizada pola orquestra Saúde e polo DJ Bombardero.

O sábado 12 de setembro a actividade comezará ás 9.30 horas coa inauguración da feira de gando cabalar e da exposición de razas autóctonas galegas pero tamén haberá servizo de comida á medida.

Xa pola tarde, ás 13.30 horas, terá lugar a misa, seguida da procesión e dunha sesión vermú e verbena coa orquestra Eclipse. A organización habilitará ademais un campo cuberto con carpa para facilitar o desenvolvemento dos actos con independencia das condicións meteorolóxicas.

As celebracións continuarán o domingo. Ás 13.30 horas celebrarase a misa, seguida da procesión e dunha sesión vermú coa actuación da orquestra Venus, que poñerá o punto musical á última xornada das festas.

0.46471095085144