Presentan unha iniciativa para promocionar a saúde das mulleres durante a menopausa

Con motivo do Día Mundial da Menopausa, que se conmemora hoxe, 18 de outubro, a Xunta reforza o seu compromiso coa promoción da saúde durante a esta etapa vital a través dunha iniciativa para ofrecer información rigorosa, previr problemas de saúde e mellorar o benestar das mulleres.
Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública e a Cátedra Vida Saudable da Universidade de Santiago de Compostela colaboran na elaboración de miniguías e infografías divulgativas, que abordan aspectos como o descanso, o benestar emocional, a memoria, a alimentación, a actividade física e a saúde ósea e cardiovascular.
A menopausa pode ter repercusións en diferentes dimensións da saúde, desde o descanso e o benestar emocional ata a calidade de vida. A pesar diso, persisten dúbidas, mitos e mensaxes contraditorias que dificultan que moitas mulleres dispoñan de información fiable para comprender os cambios que experimentan e tomar decisións informadas sobre a súa saúde.
En concreto, os materiais están a ser desenvolvidos por un equipo multidisciplinar de profesionais de xinecoloxía, neuroloxía, nutrición e fisioterapia, liderado pola doutora Victoria Sampayo.
Deste xeito, a iniciativa supón o inicio dunha liña de traballo da Dirección Xeral de Saúde Pública e a Cátedra Vida Saudable da Universidade de Santiago de Compostela orientada a garantir que a promoción da saúde estea presente tamén durante a menopausa, facilitando o acceso a información contrastada e promovendo hábitos saudables que contribúan ao benestar e á prevención de problemas de saúde ao longo desta etapa.
Con estes materiais divulgativos a Xunta reforza o seu compromiso cunha promoción da saúde que acompañe as mulleres nas distintas etapas da súa vida, poñendo á súa disposición ferramentas para coidarse, previr problemas de saúde e mellorar o seu benestar.
As miniguías e as infografías estarán dispoñibles nas webs da Cátedra Vida Saudable da Universidade de Santiago de Compostela e da Dirección Xeral de Saúde Pública.