Presentan unha nova ruta enoturística no Val do Miño-Ourense centrada nos viños e a paisaxe fluvial

O Pazo de Trasalba, no concello de Amoeiro, acolleu este luns unha nova xornada do proxecto das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha cita centrada nesta ocasión na IXP Val do Miño-Ourense e na presentación da Ruta dos Viños con Esencia de Río.
A iniciativa forma parte do proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viño de Galicia”, impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural participantes en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, adegas e viticultores dos cinco territorios implicados.
Na apertura institucional participaron o alcalde de Amoeiro, José Luís González López; o presidente do GDR Ardecou e alcalde da Peroxa, Manuel Seoane Rodríguez; o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López; e o director territorial da Consellería do Medio Rural, José Antonio Armada. Durante as intervencións puxeron en valor o papel do enoturismo como ferramenta de desenvolvemento territorial, destacando a súa capacidade para promover os viños, os recursos locais e a creación de experiencias turísticas vinculadas ao territorio.
A xornada reuniu representantes institucionais, profesionais dos sectores vitivinícola, turístico e hostaleiro, adegas, persoal técnico dos grupos de desenvolvemento rural e público interesado.
Durante a sesión presentouse a Ruta dos Viños con Esencia de Río, un percorrido deseñado para achegar aos visitantes ao territorio do Val do Miño-Ourense a través dos seus viños, das paisaxes vinculadas ao río e do patrimonio cultural da zona.
O programa completouse cunha cata comentada dos viños da IXP dirixida polo sumiller e profesor Luis Paadín e cunha visita guiada polos distintos recursos integrados na ruta, conducida polo antropólogo Rafael Quintía.
Tamén participaron activamente na xornada as adegas Vides Singulares: Adega Ferreiros e Terras Mancas, integrantes da IXP, que deron a coñecer os seus viños e contribuíron á promoción do territorio e dos seus produtos.
As Rutas Enoturísticas das IXP de Viños de Galicia buscan consolidar unha oferta conxunta arredor do viño, a gastronomía, a paisaxe e a cultura galega. O ciclo continuará o vindeiro 29 de xuño no Pazo de Mariñán, en Bergondo, coa presentación da Ruta dos Viños da Biosfera, correspondente á IXP Betanzos.