Preséntase a XXVII Feira do Viño de Valdeorras, que levará ao Barco 22 bodegas con denominación de orixe

Esta será unha edición especial para o sector vitivinícola da comarca, xa que o Consello Regulador está celebrando o 80 aniversario da súa fundación
presentacion-feira-do-vino-valdeorras
19 May 2026

O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Marcos Prada Ginzo, acompañado do director da Axencia de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles Remy, e o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria -AGACAL- Martín Alemparte Vidal presentaron este martes ante os medios de comunicación a XXVII Feira do Viño de Valdeorras.

O evento desenvolverase do 29 ao 31 de maio no Barco de Valdeorras e conta coa participación de 22 adegas da denominación de orixe. Esta é unha edición especial para o sector vitivinícola da comarca, posto que o Consello Regulador está celebrando o 80 aniversario da súa fundación. Para celebralo, a Feira experimenta este ano varios cambios, pensados para ampliar o volume de visitantes e facela crecer.

A presentación desenvolveuse na Aula Gastrocultural do Mercado de Abastos. O encargado de abrir o acto foi o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, quen enmarcou a decisión de facer a presentación en Santiago na celebración do 80 aniversario da entidade. “O feito de acadar as oito décadas de traxectoria convértenos no segundo consello regulador vitivinícola máis antigo de Galicia”, subliñou. “Celebramos oito décadas de esforzo compartido en torno ao viño nun territorio no que este produto forma parte esencial da nosa cultura e, tamén, da nosa identidade”.

Prada aludiu tamén ao 50 aniversario do Proxecto Revival, a iniciativa que supuxo a recuperación de cepas autóctonas de godello. “Somos o berce do godello e toda a variedade deste tipo de uva que existe no noso territorio procede dos inxertos daquel viveiro”, sinalou, aludindo ao “crecemento exponencial” na demanda destes viños. É por iso, explicou, que o cartel desta edición da feira se centra na variedade co lema “Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras”. Prada puxo en valor o resto de variedades de uvas brancas e tintas da denominación de orixe, cada vez máis aprezadas no mercado.

O director de Turismo de Galicia, José Manuel Merelles, incidiu no papel da feira na oferta turística de Galicia, salientando “o gran esforzo” que se está facendo tanto desde o Consello como desde o empresariado valdeorrés. Incidiu no papel do Consello, que “en 80 anos deu mostras dun gran labor de superación, de saber poñer en valor os seus viños destacando ademais o potencial da zona”. Merelles abundou no papel do enoturismo na definición dun modelo turístico único e singular, así como na desestacionalización da oferta.

Pola súa banda, o director da AGACAL, Martín Alemparte, destacou como a feira “une territorio e tradición” e salientou o papel das denominacións de orixe neste contexto. “Para AGACAL este tipo de eventos son fundamentais, como oportunidade de dinamizar economicamente estas comarcas e de dar a coñecer os produtos de calidade diferenciada de Galicia”, subliñou.

Novidades

O presidente do Consello Regulador repasou os cambios nesta edición da Feira. O primeiro darase na localización, que se traslada ata o Campo da Festa no Paseo do Malecón do Barco, un emprazamento máis céntrico co que se quere mellorar a accesibilidade do público. Ademais, suma un día, posto que comezará o venres en vez de o sábado, como viña sendo habitual nos últimos anos. Deste modo, o recinto feiral estará aberto o venres de 19:30 ás 00 horas; o sábado de 12:30 a 14:30 horas e de 20 ata novamente a medianoite; e o domingo, de 12 a 16 horas.

Outro dos aspectos novidosos é o reforzo da programación, cunha forte aposta pola gastronomía e as actividades musicais, culturais e infantís. A Feira abrirase coa lectura do pregón, a cargo de Christian Escuredo, actor de teatro, cine e televisión, natural do Barco de Valdeorras. Entre as actividades destacadas está a cata dunha selección de viños da D.O. Valdeorras, maridados con produtos de Artesanía Alimentaria, marca de calidade da Xunta de Galicia, que se desenvolverá o sábado ás 20 horas. Posteriormente, ás 21:30 horas, haberá un showcooking do cociñeiro Xosé Manuel Mallón, que acompañará os seus pratos cunha selección de viños da D.O. Valdeorras.

Ademais, na zona gastronómica poderase degustar durante as tres xornadas unha selección de produtos de Artesanía Alimentaria. Nos tres días de Feira sucederanse as actuacións musicais.

A programación infantil desenvolverase maiormente no Xardín Botánico, ao lado do Campo da Festa, onde haberá inchables, obradoiros, pintacaras, xogos tradicionais e outras actividades lúdicas para a poboación máis nova.

Previo á feira desenvolverase a Ruta dos Pinchos da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, que entre o martes 26 e o venres 29 unirá a establecementos do Barco e da Rúa nesta actividade gastronómica, organizada en colaboración coa Asociación Empresarial de Valdeorras, AEVA.

As adegas participantes na XXVII Feira do Viño de Valdeorras son: A Cova da Xabreira, Adega A Bágoa, Adega A Coroa, Adega Alan de Val, Adega Arnadoval, Adega Melillas – Lagar do Cigur, Adega O Casal, Adega O Cepado, Adega Quinta da Peza, Barón do Sil, Bodega Cooperativa Jesus Nazareno, Bodega Godeval, Bodega Hacienda Ucediños, Bodega Roandi, Bodega Sampayolo, Bodega Santa Marta, Bodegas Blare, Cía. Vinos Telmo Rodriguez, D´Berna, Terriña, Viña Costeira e Virgen del Galir.

0.36673593521118