Preto de 5.000 persoas participaron nun ensaio clínico sobre a vacinación combinada de gripe e covid

O ensaio clínico Combogal, impulsado pola Xunta para avaliar a mellor estratexia de vacinación fronte á gripe e á covid nas poboación de 65 ou máis anos, xa contou coa participación 4.916 persoas nas dúas primeiras fins de semanas de celebración.
O ensaio lévase a cabo en todas as áreas sanitarias, nos hospitais das sete cidades e nos sete hospitais comarcais.
Na área sanitaria da Coruña e Cee, a participación chegou a 1.023 persoas no Hospital Universitario da Coruña e 152 no Hospital Comarcal Virxe da Xunqueira de Cee.
Na área de Santiago de Compostela e Barbanza, foron 583 os participantes no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela e 193 no Hospital Comarcal de Barbanza.
Na área de Ferrol, 536 foron as persoas que participaron no ensaio clínico no Hospital Arquitecto Marcide.
Na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, houbo 469 participantes no Hospital Lucus Augusti (HULA), 138 no Hospital Comarcal da Mariña e 84 no Hospital Comarcal de Monforte.
Na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, participaron 429 persoas no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), 74 no Hospital Comarcal de Verín e 75 no Hospital Comarcal de Valdeorras.
Na área de Vigo, sumáronse 532 participantes no Hospital Público Álvaro Cunqueiro.
E na área de Pontevedra e O Salnés, participaron 442 persoas no Hospital Provincial e 186 no Hospital Comarcal do Salnés.
Nas últimas semanas, enviáronse mensaxes SMS con información sobre esta iniciativa á poboación seleccionada, arredor de 730.000 persoas maiores de 65 anos.
O ensaio desenvólvese no marco da campaña ordinaria de vacinación, polo que na propia citación para acudir ao centro de saúde infórmase tamén da posibilidade de desprazarse ao hospital para participar no estudo.
O obxectivo é comprobar se unha vacina combinada fronte á gripe e á covid reduce o risco de hospitalización, complicacións e morte asociadas a estas infeccións, en comparación coa administración simultánea dunha vacina antigripal de alta dose e outra fronte á covid en inxeccións separadas. A vacina combinada xa foi testada e autorizada, polo que o estudo busca determinar a estratexia de protección máis axeitada para a poboación maior.
As persoas interesadas en participar pode reservar cita a través da aplicación Sergas Móbil ou no teléfono habilitado para este fin, o 900 842 217, que estará operativo de 10,00 a 20,00 horas. Haberá ocos dispoñibles durante cinco fins de semana consecutivas nos 14 hospitais públicos do Servizo Galego de Saúde.
Avance da campaña de vacinación
A campaña de vacinación fronte á gripe e á covid comezou o pasado 28 de setembro nas residencias de maiores e nos centros sociosanitarios.
O pasado martes 13 a Consellería de Sanidade iniciou tamén a vacinación dos profesionais sanitarios e a vacinación infantil nos centros de saúde e nos colexios que participan no proxecto piloto de vacinación antigripal escolar.
Así mesmo, o luns, 19 de outubro, estendeuse ás persoas de 70 ou máis anos.
A programación da campaña continuará o 2 de novembro coa vacinación das embarazadas e, a partir do día 9, coas persoas de 60 ou máis anos.