Preto de 8.000 estudantes galegos reciben a acreditación como guías escolares da eclipse tras participar no programa Polos Creativos

O alumnado de Primaria e ESO completou un itinerario formativo sobre eclipses solares e contará con gafas homologadas para divulgar e observar o fenómeno con seguridade
guias-eclipse
12 Jul 2026

A Xunta de Galicia acreditou a preto de 8.000 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e da ESO como guías escolares da eclipse, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Educación para promover a divulgación científica e fomentar as vocacións STEM a través do programa Polos Creativos.

O alumnado que superou o programa Polos eclipsados recibiu un carné que o identifica como guía da eclipse, co obxectivo de que poida difundir coñecementos sobre este fenómeno astronómico entre as súas familias, amizades e comunidade educativa. Ademais, dispón de gafas homologadas para realizar unha observación segura da eclipse.

Para obter esta acreditación, os estudantes tiveron que completar un itinerario formativo específico sobre os eclipses solares e superar tres actividades obrigatorias. A primeira consistiu nun cuestionario de coñecementos, elaborado tras a formación recibida na aula e o traballo con materiais divulgativos preparados para esta iniciativa.

A segunda actividade centrouse no deseño e fabricación dunha maqueta explicativa da eclipse mediante impresión 3D nos espazos de Polos Creativos. Finalmente, cada equipo desenvolveu un proxecto de divulgación ou investigación relacionado coa observación da eclipse, as constelacións, a exploración espacial ou un reto propio proposto polo alumnado.

Os centros participantes contaron con materiais didácticos específicos, recursos divulgativos e instrucións para desenvolver todas as probas previstas. Os equipos estiveron integrados por alumnado e profesorado, seguindo unha metodoloxía baseada na experimentación, o traballo colaborativo e a resolución de retos.

Segundo a Xunta, esta acreditación forma parte das máis de 26 iniciativas promovidas durante o pasado curso escolar arredor da eclipse solar para achegar a ciencia ás aulas e reforzar a aprendizaxe práctica e a divulgación científica desde idades temperás.

A Consellería de Educación destaca que o impulso á cultura científica constitúe unha das súas prioridades e lembra que, segundo o informe PISA, Galicia lidera España en competencia científica con 506 puntos, por riba da media española e da OCDE, situada en 485 puntos. Así mesmo, sinala que o estudo TIMSS sitúa Galicia na primeira posición estatal en conciencia ambiental, con 533 puntos, 23 máis que a media española.

0.30523705482483