Preto dun cento de mozos da diáspora inician o programa Conecta con Galicia no Camiño en Ourense e Redondela

Os participantes percorrerán máis de 100 quilómetros por distintas rutas xacobeas para reforzar os seus vínculos coa terra de orixe
galicia-no-camiño-ourense
23 Jul 2026

Preto de 100 mozas e mozos galegos residentes no exterior participaron este mércores no inicio dunha nova edición do programa Conecta con Galicia no Camiño, unha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude que busca fortalecer os lazos da mocidade da diáspora coa comunidade galega.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañou aos participantes durante a primeira etapa do percorrido. En Ourense estivo xunto ao delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, compartindo cos 41 mozos aloxados na Residencia Xuvenil Florentino López Cuevillas o inicio da Vía da Prata. Antes de comezar a ruta, o grupo selou a súa compostela na Oficina de Turismo da Xunta.

Posteriormente, Miranda desprazouse a Chapela, en Redondela, para participar no inicio do Camiño Portugués xunto a outro grupo de participantes hospedados na Residencia Xuvenil Altamar de Vigo, nun acto no que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz.

O programa reúne nesta edición a participantes de entre 18 e 21 anos procedentes de ata seis países de América, que durante os próximos días percorrerán máis de 100 quilómetros a pé por diferentes rutas xacobeas. A estancia completarase con actividades culturais e visitas destinadas a achegarlles a realidade social, educativa e económica da Galicia actual.

Con esta convocatoria, Conecta con Galicia no Camiño alcanza a súa 36ª edición e supera os 3.600 participantes desde a súa creación, consolidándose como unha das principais iniciativas da Xunta para favorecer o reencontro das novas xeracións da emigración coa súa terra de orixe.

0.3654317855835