Prorrogado ata 2029 o Plan xeral de explotación marisqueira vixente

A Xunta de Galicia vén de prorrogar ata o 31 de decembro de 2029 o Plan xeral de explotación marisqueira vixente, salvo que antes desa data se aprobe un novo plan. A orde da Consellería do Mar, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia e que entrará en vigor mañá, dá continuidade aos plans de xestión aprobados para o trienio 2024–2026 mentres se recuperan os bancos afectados pola mortalidade de moluscos bivalvos.
As choivas intensas e persistentes das borrascas de comezos de ano provocaron sucesivas baixadas da salinidade nas rías galegas. Na de Arousa detectáronse ata seis episodios consecutivos de baixa salinidade. As mostraxes realizadas tras as choivas, seguindo o protocolo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), permitiron comprobar o alcance da mortalidade nos bancos afectados. Os resultados levaron a adaptar numerosos plans de xestión e a suspender temporalmente a extracción nas zonas que precisaban medidas especiais de protección.
O estado actual de moitos bancos dificulta que as entidades titulares poidan elaborar novos plans axustados á situación dos recursos. A prórroga permite manter os peches temporais onde sexan necesarios e que as persoas mariscadoras continúen coas tarefas de mantemento, recuperación, seguimento e vixilancia dos bancos.
No que respecta ás zonas de libre marisqueo sen plan específico, a orde fixa dous períodos xerais de extracción de moluscos por ano tanto na ría de Arousa como no resto de Galicia. En 2027, serán do 4 de xaneiro ao 31 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro. En 2028, do 3 de xaneiro ao 31 de marzo e do 2 de outubro ao 29 de decembro. En 2029, do 2 de xaneiro ao 30 de marzo e do 1 de outubro ao 31 de decembro.
As entidades do sector deberán presentar as solicitudes para os plans de xestión do trienio 2030–2032 antes do 1 de novembro de 2029. Para os plans de nova incorporación, o prazo rematará antes do 1 de novembro do ano anterior ao previsto para o seu inicio.