Provincia Activa pon en marcha nove obradoiros para 167 persoas maiores en oito concellos

A Deputación de Pontevedra continúa estendendo o seu programa Provincia Activa cunha nova quenda de actividades dirixidas ás persoas maiores. Entre este luns 16 e o sábado 21 de novembro comezarán nove novas accións formativas en entidades sociais de oito concellos, nas que participarán un total de 167 veciños e veciñas.
A iniciativa busca favorecer o envellecemento activo, promover hábitos de vida saudables e ofrecer espazos de convivencia nos que os participantes poidan compartir experiencias e manterse activos tanto física como socialmente.
A maior parte das propostas desta semana estarán relacionadas coa alimentación. Así, este luns comezarán dous cursos de cociña saudable e nutritiva. Un deles contará con 25 participantes da Asociación de Veciños do Lugar de Cutián, en Cerdedo Cotobade, mentres que o outro reunirá 21 persoas da Asociación Cultural Deportiva Cidadelle, en Redondela.
A programación gastronómica continuará o mércores 18 cunha actividade para 15 veciños da Asociación Veciñal Sociocultural San Adrián de Madriñán, en Lalín. O venres 20 incorporaranse outras 17 persoas da Asociación de Veciños Agustín Romero, de Vilagarcía de Arousa, e o sábado 21 será a quenda de 20 usuarios da Asociación Cultural San Cibrán de Tomeza, en Pontevedra.
Actividade física
A oferta desta semana tamén inclúe propostas para traballar o movemento e o benestar corporal. Este luns 16 arrancará un obradoiro de bailes de salón no que participarán 16 usuarios da Asociación Veciñal e Cultural San Xoán de Fornelos e Lourido, en Salvaterra de Miño.
Na mesma xornada comezará un curso de ioga para outras 16 persoas da Asociación Cultural e Deportiva A Guía, na Guarda.
O martes 17 incorporaranse 22 usuarios da Asociación de Veciños Nosa Terra da Parroquia, en Mos, que participarán nunha actividade de ximnasia de mantemento adaptada ás persoas maiores.
A programación semanal pecharase o xoves 19 cun obradoiro de pilates para 15 integrantes da Asociación Coral Rosalía de Castro, en Vilagarcía de Arousa.
Ampla programación
Provincia Activa conta este ano cun catálogo de 25 modalidades de obradoiros, organizadas en seis bloques temáticos: 'Benestar natural', 'Saúde en movemento', 'Emociónate', 'Outra vida', 'Con ritmo!', 'Redeir@s' e 'Cerebro activo'.
O programa dispón dun orzamento de 210.000 euros para 2026 e chegará a 160 entidades pertencentes a 44 concellos da provincia de Pontevedra. A través destas actividades, a Deputación pretende ampliar as oportunidades de participación das persoas maiores e facilitar que poidan acceder a propostas de formación, lecer e actividade física nas súas propias localidades.