PSOE, BNG e PP enfróntanse a un debate sobre vivenda en Lugo

Os candidatos Jorge Bustos, Iago Suárez e Jaime de Olano exporán as súas propostas este mércores nun encontro organizado polo Colexio de Arquitectos na Casa do Saber
cartel debate COAG eleccións 29N 26 Lugo
25 Nov 2026

A vivenda centrará este mércores, 25 de novembro, un debate electoral en Lugo no que participarán representantes das candidaturas do BNG, PSOE e PP ao Congreso dos Deputados pola provincia. O encontro, organizado pola Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), comezará ás 20:30 horas na Casa do Saber, situada na praza Pío XII, e estará moderado pola presidenta do COAG Lugo, Carmen Figueiras.

No debate intervirán Jorge Bustos, número dous da candidatura do PSdeG-PSOE; Iago Suárez, número dous da lista do BNG, e Jaime de Olano, candidato número tres do PP. A convocatoria está aberta a toda a cidadanía, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

A iniciativa pretende poñer sobre a mesa as principais dificultades e os desafíos relacionados co acceso á vivenda na provincia. Entre os asuntos previstos figuran a situación do mercado inmobiliario, a rehabilitación de inmobles, a vivenda baleira e o reto demográfico. Tamén se abordarán cuestións vinculadas ao planeamento urbanístico, a xestión administrativa e a calidade arquitectónica.

Os tres participantes contan con experiencia en distintos ámbitos da política e a xestión pública. Jorge Bustos é enxeñeiro civil e foi concelleiro de Urbanismo, Deportes e Xuventude no Concello de Lugo. Na actualidade exerce como edil do PSOE na oposición municipal.

Pola súa banda, Iago Suárez é deputado no Parlamento de Galicia, candidato á Alcaldía de Chantada e secretario xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG). Jaime de Olano, avogado e deputado no Congreso desde 2011, ocupa actualmente o cargo de portavoz adxunto do Grupo Parlamentario Popular. Tamén formou parte da dirección do grupo parlamentario e foi vicesecretario nacional do PP entre 2019 e 2021, ademais de concelleiro en Viveiro entre 2011 e 2019.

0.37166500091553