PSOE e BNG coordinan o seguimento dos proxectos estratéxicos de Lugo tras a moción de censura

As dúas formacións manterán reunións periódicas para supervisar a execución das iniciativas impulsadas no anterior mandato e evitar atrasos ou paralizacións
Rubén-Arroxo-e-Miguel-Fernández
8 May 2026

Os ex concelleiros do PSOE e do BNG de Lugo mantiveron unha primeira xuntanza de traballo tras a moción de censura impulsada polo Partido Popular e a edil non adscrita co obxectivo de establecer unha folla de ruta de coordinación e seguimento dos proxectos estratéxicos deixados en marcha durante o anterior mandato municipal.

No encontro, ambas formacións acordaron celebrar reunións periódicas de avaliación para supervisar o desenvolvemento das iniciativas aprobadas nos orzamentos municipais, garantir a súa execución e evitar posibles paralizacións que poidan frear o avance da cidade ou afectar aos intereses da cidadanía.

Durante a xuntanza realizouse unha análise detallada do estado de execución dos distintos proxectos promovidos polo anterior Executivo local, revisando a situación administrativa de cada expediente, o grao de desenvolvemento das actuacións xa iniciadas e os prazos previstos para a súa materialización. Segundo coincidiron en destacar os representantes das dúas formacións, trátase dun exercicio de responsabilidade política orientado a preservar o traballo realizado e evitar que Lugo perda oportunidades de futuro.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Miguel Fernández, puxo en valor o traballo desenvolvido nos últimos anos e asegurou que Lugo avanzou grazas a “unha forma de gobernar baseada na proximidade, na escoita activa e na firme convicción de que a política municipal debe servir para mellorar a vida da xente”. Fernández subliñou ademais que detrás de cada iniciativa impulsada existiu “un proxecto de cidade claro e definido” orientado a construír “un Lugo máis humano, máis amable, máis dinámico e con máis oportunidades”.

O socialista advertiu de que o novo escenario político “non pode converterse nun freo para proxectos que nacen para mellorar a cidade e para ampliar dereitos, servizos e oportunidades para a veciñanza”, reiterando que o compromiso co futuro de Lugo “segue intacto”. “Defenderemos cada iniciativa útil para esta cidade coa mesma responsabilidade coa que foi impulsada, porque os intereses de Lugo deben estar sempre por riba de calquera cálculo político ou de calquera interese particular”, afirmou.

Pola súa banda, o voceiro do Grupo Municipal do BNG, Rubén Arroxo, destacou que Lugo “conta hoxe cunha base sólida sobre a que seguir construíndo futuro”, grazas ao impulso dun modelo urbano “máis sostible, máis cohesionado e máis próximo ás necesidades reais da veciñanza”.

Arroxo lembrou que moitos dos proxectos xa iniciados responden a unha visión transformadora da cidade, pensada para recuperar espazo público para as persoas, reforzar os servizos municipais, dinamizar a vida económica e cultural e avanzar cara a “un Lugo máis vivo, máis inclusivo e mellor preparado para afrontar os retos de futuro”.

Neste contexto, advertiu de que “a cidadanía non pode ser quen pague as consecuencias dunha operación política que introduce incerteza sobre actuacións fundamentais para o desenvolvemento da cidade”, ao tempo que avanzou que ambas formacións exercerán unha labor de seguimento constante para garantir que ningún proxecto comprometido coa veciñanza quede paralizado ou relegado. “O que está en xogo non é só unha acción de goberno; o que está en xogo é a continuidade dun modelo de cidade construído co esforzo colectivo de moitas persoas e coa vontade firme de poñer sempre á cidadanía no centro de cada decisión”, concluíu.

0.27298307418823