Publicada a declaración de interese autonómico do proxecto de ordenación da contorna do CHUS

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta mediante o que se declara proxecto de interese autonómico (PIA) a ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
Deste xeito, a Xunta poderá dispoñer canto antes dos terreos necesarios para a ampliación e renovación do hospital, mellorando a urbanización, os accesos e a mobilidade no futuro hospital.
Este proxecto reúne as condicións esixidas para a súa declaración como de interese autonómico, ao concorrer tanto o requisito de transcendencia supramunicipal como o da súa función vertebradora e estruturante do territorio.
O CHUS constitúe un centro sanitario estratéxico de referencia que presta asistencia especializada á Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, dando servizo a 425.000 veciños e veciñas de 46 concellos. Ademais, este complexo hospitalario universitario desenvolve funcións de referencia autonómica en determinados ámbitos de alta especialización sanitaria, docente, investigadora e tecnolóxica, transcendendo amplamente o ámbito municipal e comarcal.
Este proxecto responde á planificación do sistema público de saúde de Galicia e contribúe á adaptación das infraestruturas sanitarias ás necesidades derivadas da evolución demográfica e do envellecemento da poboación. Xunto ao anterior, reforza a cohesión territorial e a calidade asistencial mediante a modernización dun centro estratéxico para Galicia.
O obxecto do proxecto de interese autonómico é ordenar o solo para que o Executivo galego poida dispoñer dos terreos necesarios para acometer as obras precisas de urbanización, ampliación e renovación do actual complexo hospitalario universitario da capital de Galicia, incluíndo as actuacións sobre os accesos, a mobilidade e as infraestruturas asociadas ao ámbito sanitario.
O proxecto de interese autonómico que reordenará o ámbito da contorna deste centro da rede sanitaria pública galega para ampliar as zonas de aparcadoiro, mellorar o sistema viario de accesos, así como a mobilidade interna, está en fase de elaboración pola empresa adxudicataria Proyfe, coa fin de que estea listo a finais deste ano ou a principios de 2027.
A proposta de ordenación prevé unha intervención integral para mellorar a funcionalidade, a accesibilidade e a integración paisaxística do complexo hospitalario.
Entre as actuacións previstas destacan a reordenación dos accesos e da rede viaria mediante unha circulación perimetral que diferencie os distintos tipos de tráfico, a creación de aparcadoiros perimetrais conectados por itinerarios peonís accesibles, a redución da circulación e do estacionamento no interior do recinto hospitalario, e a humanización dos espazos libres mediante zonas verdes, arboredo e áreas peonís.
Destaca, así mesmo, a creación dunha praza pública de acceso entre o Clínico, o Hospital Gil Casares e o Centro de Protonterapia. Trátase, polo tanto, dunha actuación que ordena o territorio e que afecta un piar da política autonómica, como é a sanidade.
Aproveitando a oportunidade estratéxica que supón o proxecto de interese autonómico, a Consellería de Sanidade planifica con máis ambición o futuro do hospital priorizando a ampliación das urxencias, ademais de apostar por un crecemento máis ordenado do hospital a curto, medio e longo prazo, desde o punto de vista dos fluxos e das comunicacións, tanto para pacientes como para profesionais.
No marco desta ordenación e mellora da accesibilidade do CHUS, a Xunta construirá un novo aparcadoiro de 1.500 prazas.
Ademais, nestes momentos estanse a ultimar os traballos do Edificio C do Complexo Hospitalario, coa fin de que poida entrar en funcionamento antes de que remate o ano.
Polo que respecta ao Centro de Protonterapia de Galicia, tamén na contorna do Clínico, está previsto que a finais deste ano e principios do vindeiro poida estar tratando xa os primeiros pacientes.