Quiroga enxalza o seu ouro líquido coa celebración da Mostra do Aceite

A vila de Quiroga converterase un ano máis no epicentro da cultura oleícola galega coa celebración da Mostra do Aceite de Quiroga, que alcanza a súa vixésimo sexta edición e está recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. A cita desenvolverase os días 14 e 15 de marzo cun programa que combinará divulgación, gastronomía, tradición e música.
A organización da mostra está coordinada polo Concello de Quiroga, co alcalde José Luís Rivera á fronte, xunto con produtores da contorna, persoal técnico municipal e o que se considera o primeiro embaixador do aceite quirogués, o chef Kike Piñeiro, vinculado ao restaurante A Horta do Obradoiro. O obxectivo principal da edición será poñer en valor a singularidade do Aceite de Oliva Virxe Extra da zona e destacar a súa calidade diferencial.
O sábado 14 abrirá o programa o III Congreso sobre o Aceite de Oliva de Quiroga, que terá lugar no Auditorio Municipal a partir das cinco da tarde. O encontro contará con varias intervencións especializadas. O enxeñeiro agrónomo José Manuel Gómez Sanmartín analizará a situación das explotacións de oliveiras en Galicia e o seu potencial produtivo.
Posteriormente, Marga Fraga Ares afondará na aplicación da biotecnoloxía ao desenvolvemento de variedades autóctonas, mentres que Beatriz Cancho Grande expoñerá os efectos beneficiosos dos aceites galegos, especialmente o seu posible potencial antidiabético.
A xornada continuará pola noite coa cea cóctel titulada “Os sabores que medran aquí”, un espazo gastronómico no que os chefs Eloy Cancela, Kike Piñeiro,chef galego do restaurante A Horta do Obradoiro, e Iván Méndez elaborarán distintas propostas culinarias tendo o aceite como ingrediente protagonista. A música correrá a cargo do violinista Marcos Valcárcel. Para participar será necesario retirar previamente a entrada na Oficina de Turismo.
O domingo 15, a actividade trasladarase á contorna da praza do Auditorio Municipal, onde desde as once da mañá abrirán os postos de venda de produtores locais como Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga, Ouro de Quiroga, Pedro Soto Losada, Val de Quiroga e Cento x Cento.
Durante a mañá, o Muíño de Aceite de Bendilló ofrecerá demostracións da elaboración artesanal do aceite, mantendo viva a tradición oleícola da comarca. Ademais, habilitaranse autobuses gratuítos desde a praza do Auditorio ata o lugar das Farrapas para facilitar o desprazamento do público.
O Museo Etnográfico de Quiroga acollerá dúas sesións de degustación comentada, para as que será preciso adquirir entrada no recinto feiral.
Un dos momentos máis esperados chegará ás 13:30 horas coa designación do novo Embaixador do Aceite de Quiroga, distinción que este ano recaerá no chef Javier Olleros, do restaurante Culler de Pau, recoñecido con dúas estrelas Michelin.
Tras o nomeamento, o cociñeiro ofrecerá unha demostración gastronómica empregando produtos oleícolas da zona, e o público poderá degustar os petiscos elaborados, sempre mediante a adquisición previa de entrada.
A música tradicional tamén terá protagonismo coas actuacións da Asociación Cultural Peleriños, procedente de Sarria, que animará a mañá dominical no recinto feiral.
Coincidindo coa mostra, a entrada do auditorio municipal acollerá a primeira Exposición de Camelias en Quiroga, unha iniciativa impulsada polo coleccionista e cultivador galego José Ramón Teixeira, que pretende poñer en valor esta flor ornamental tan vinculada á tradición galega.