Quiroga reúne a máis de 1.400 participantes na sétima edición do QuiMedo

O pavillón municipal será o punto de partida dun percorrido nocturno por oito casas do terror repartidas polo casco urbano, antes de pechar a xornada cun desfile e unha festa final
QuiMedo Quiroga 2026
21 Oct 2026

Quiroga prepárase para vivir este sábado 24 de outubro a sétima edición da súa cita máis terrorífica do ano, o QuiMedo, un evento que combina o susto, a emoción e a diversión para todos os públicos. O Goberno local presentou esta nova edición cunha fotografía institucional realizada no salón de plenos da Casa do Concello.

O pavillón municipal volverá ser, un ano máis, o núcleo da celebración. As portas abriranse a partir das 19.00 horas, momento no que os responsables de cada grupo poderán recoller as pulseiras de acceso ás casas do terror. A esa mesma hora comezará tamén a festa infantil, pensada para que os máis pequenos desfruten sen necesidade de inscrición previa. Durante ese tramo horario, ademais, porase á venda as últimas entradas reservadas pola organización para quen acuda á última hora.

Ás 21.30 horas, tras o acto de presentación oficial, darase o pistoletazo de saída ao percorrido polas casas do terror, que se prolongará durante tres horas. Cada grupo deberá seguir un itinerario marcado previamente pola organización, pensado para evitar aglomeracións na entrada dos distintos inmobles, todos eles situados no casco urbano de Quiroga.

Nesta edición, os participantes poderán visitar oito casas do terror con actores en directo, cada unha cunha ambientación diferente:

A primeira parada será 'O Museo das Civilizacións Malditas', un espazo que recrea un percorrido por distintas civilizacións e épocas que, segundo a ambientación proposta, agochan segredos que permanecen ocultos; esa noite, as vitrinas "cobran vida" e os antigos habitantes de Exipto, Asia, África ou Roma, entre outros, "espertan de novo".

A segunda casa leva por nome 'Biohazard: Zona Cero', un taller mecánico transformado no epicentro dun brote que, segundo a narrativa da montaxe, ninguén conseguiu controlar, tras a propagación dun virus descoñecido desde un laboratorio clandestino.

A terceira proposta é 'Survival: Os sete cazadores', onde os participantes deberán superar un labirinto dividido en tres roldas e enfrontarse a sete personaxes —entre eles o Lobishome, o Carniceiro, a Boneca, o Doutor da Peste, o Pallaso, o Verdugo e a Criatura LED—, co obxectivo de non seren atrapados. Quen logre completar as tres roldas sen ser capturado proclamarase gañador do Survival desta sétima edición.

A cuarta casa é 'O cemiterio do QuiMedo', un escenario con tumbas e unha localización que, por primeira vez na historia do evento, se incorpora ao percorrido entre cruces e lápidas.

A quinta parada levará aos visitantes a 'A Mina', ambientada nunhas galerías subterráneas onde, segundo a proposta, os cascos de antigos mineiros seguen iluminando o espazo.

A sexta casa é 'A Palleira', que recrea un campo con espantallos que, tras permaneceren anos entre o millo, cobran vida ao caer a noite.

A sétima proposta repite edición baixo o nome 'Mac Guarro', considerada a casa máis extrema do QuiMedo. Nela, os propios participantes poderán decidir ata que punto permiten a interacción cos actores; quen acepte ser tocado levará un colar fluorescente identificativo.

A última das casas é 'A Inquisición', ambientada nun escenario de estética medieval con monxes encapuchados, túnicas coa cruz vermella e antigas salas de pedra con instrumentos de tortura.

Estas oito propostas están preparadas para recibir a máis de 1.400 participantes, a falta de que se esgoten as últimas entradas dispoñibles.

Unha vez rematado o percorrido polas oito casas, os participantes volverán reunirse no pavillón municipal para o desfile QuiMedo Final, co que se pechará a xornada. A celebración concluirá coa festa QuiMedo Fest, amenizada pola Disco Móvil Dolce Vita.

0.29306197166443