Reclaman centros de saúde con dotacións propias na área sanitaria de Vigo para frear a sobrecarga do persoal

A Comisión de Centro de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo cualificou como unha “oportunidade perdida” a apertura do novo centro integral de saúde Olimpia Valencia, ao non dotarse de persoal propio para reforzar a atención primaria. A representación do persoal fixo entrega este luns no rexistro do Sergas en Vigo de preto de 2000 sinaturas en contra do traslado da pediatría de Coia e do peche do centro de saúde de Nicolás Peña.
Segundo explicaron, a posta en marcha do Olimpia Valencia nestas condicións suporía a perda para a atención primaria de centros que funcionan correctamente, como Nicolás Peña, xerando á súa vez sobrecarga no centro de Pintor Colmeiro, o máis próximo.
Tamén criticaron a centralización da pediatría de centros como o de Coia, xa que, segundo indicaron, suporía un cambio de modelo asistencial que contravén as recomendacións das sociedades pediátricas e rompe cos principios de continuidade e lonxitudinalidade da atención primaria.
A Comisión considera que o plan funcional presentado polo Sergas non mellorará a calidade asistencial, senón que provocará un transvase de profesionais entre centros, sen incrementar os recursos humanos. “O Olimpia Valencia non debe ser só un edificio moderno, senón un centro con novas categorías profesionais que melloren a carteira de servizos”, sinalaron.
Denuncian ademais un proxecto escurantista, sen información veraz nin por escrito para a representación das traballadoras, lembrando que a documentación recibida estaba datada en 2019 e que non se lles entregou o plan funcional actualizado pese ás reiteradas peticións.
Tras presentar alegacións, a administración comprometeuse a incorporar algunhas prazas de nova creación en Odontoloxía, Hixiene Bucodental, Farmacia, Traballo Social, Psicoloxía, TCAE, Fisioterapia e Nutrición. Aínda así, consideran a medida insuficiente e reclaman tamén prazas en Medicina de Familia, Enfermaría e persoal administrativo.
“Seguiremos recollendo apoios nos centros de saúde, porque a decisión da xerencia repercutirá negativamente en usuarias e profesionais”, subliñaron na rolda de prensa celebrada ás portas da delegación viguesa do Sergas.