Renfe e Dano Cerebral Galicia impulsan unha campaña para sensibilizar sobre este problema

Un xogo titulado Atopa as 7 diferenzas e o lema "Non se pode previr o que non se coñece" protagonizan a campaña impulsada por Renfe e Dano Cerebral Galicia para reforzar a sensibilización sobre o dano cerebral adquirido. A iniciativa poderá verse ata o 15 de novembro nos trens Media Distancia e Avant das liñas A Coruña-Santiago-Vigo e A Coruña-Santiago-Ourense, así como nas pantallas das máquinas de quendas Su turno e nas máquinas de venda automática das estacións ferroviarias.
Esta é a terceira colaboración entre ambas as entidades para conmemorar o Día do Dano Cerebral, o 26 de outubro, e o Día do Ictus, o 29 de outubro. A campaña pon o foco nas secuelas invisibles do dano cerebral adquirido, co obxectivo de axudar a recoñecer e comprender as persoas con esta discapacidade, ofrecer ferramentas para previr as súas principais causas e informar sobre os recursos dispoñibles para recibir orientación e apoio.
Presentación da banda deseñada Unha noite calquera
O luns 26 de outubro, Dano Cerebral Galicia presentará a banda deseñada Unha noite calquera, elaborada coa ilustradora Julia Lago e baseada no caso real dunha persoa usuaria das asociacións, que prefire manter o anonimato.
A publicación está dirixida especialmente á mocidade que se achega á idade de conducir ou comeza a facelo, co propósito de concienciar sobre a prevención dos accidentes de tráfico, unha das principais causas dos traumatismos que derivan en dano cerebral adquirido.
A presentación terá lugar ás 11:00 horas no IES Eduardo Pondal de Ponteceso, mediante un obradoiro no que participará máis dun cento de estudantes. O acto contará cunha introdución á banda deseñada e estará aberto aos medios de comunicación e ás persoas interesadas.
Actividades nos Espazos +60 de Afundación
As persoas maiores tamén serán destinatarias das actividades conmemorativas, a través dun programa de sesións informativas, encontros científicos e Recunchos cerebrosaudables, organizado en colaboración cos Espazos +60 de Afundación.
O ciclo comezará o 29 de outubro, Día do Ictus, cunha sesión científica ás 17:30 horas no Espazo +60 de Santiago de Compostela, impartida por Francisco Campos, coordinador do Grupo Ictus Traslacional Treat, dependente do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
As sesións informativas sobre o dano cerebral adquirido estarán impartidas por profesionais de Dano Cerebral Galicia e do Grupo Treat. Celebraranse en Lugo o 4 de novembro ás 17:30 horas, na Coruña o 10 de novembro ás 17:00 horas, en Vigo o 12 de novembro ás 17:00 horas, en Ourense o 16 de novembro ás 17:00 horas e en Pontevedra o 25 de novembro ás 17:00 horas.
Pola súa banda, os «Recunchos cerebrosaudables» abordarán os principais factores de risco do ictus e ofrecerán información sobre como controlalos e previlos, en colaboración con profesionais da Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC). Estas actividades desenvolveranse en Monforte o 12 de novembro ás 18:00 horas, en Pontedeume o 17 de novembro ás 18:00 horas, en Viveiro o 19 de novembro ás 17:30 horas, en Betanzos o 25 de novembro ás 17:30 horas e en Ferrol o 26 de novembro ás 17:00 horas.
Actividades das asociacións galegas
As entidades que forman parte de Dano Cerebral Galicia organizarán tamén actividades de sensibilización e conmemoración en diferentes localidades.
Dano Cerebral A Coruña celebrará o 26 de outubro unha xornada na praza de María Pita, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 horas, coa participación prevista de dous centros escolares durante a mañá. O programa incluirá tenis adaptado e pickleball, a cargo de Tenis Marineda; boccia, en colaboración con ASPACE e coas persoas usuarias da entidade; esgrima, co Club de Esgrima Coruña; educación ambiental, con Ángel Lorenzo; unha actividade de sensibilización sobre a discapacidade de ENKI; a proposta Ponte no meu lugar e un punto informativo. Ás 12:00 horas terá lugar a lectura do manifesto, coa participación de Juan Luis Delgado, presidente da asociación, e Inés Rey, alcaldesa da cidade.
Ese mesmo día, a partir das 21:00 horas, iluminaranse de forma conmemorativa Catro Camiños, Santa Cruz, Santa María, os Paraugas de Cambre e a Torre de Cela. Ademais, o 31 de outubro, ás 21:00 horas, a entidade contará cunha grada solidaria no partido entre o Leyma Coruña e La Laguna Tenerife, no Coliseum da Coruña. Un grupo de persoas da asociación asistirá ao encontro e, durante o descanso, proxectarase un vídeo da entidade coa intervención do seu presidente.
Dano Cerebral Alento Vigo organizará unha visita dun centro educativo ao centro de atención diúrna, unha sesión informativa sobre o dano cerebral no CIFP A Xunqueira de Pontevedra e un programa especial en directo en Onda Cero o 26 de outubro. Tamén instalará unha mesa informativa no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con motivo do Día do Ictus.
Dano Cerebral Lugo celebrará a lectura do manifesto do Día do Dano Cerebral o 26 de outubro, ás 12:00 horas, na praza Maior, diante do Concello de Lugo, coa participación de autoridades, persoas con dano cerebral e familiares. A asociación invita a asistir ao acto e deixar unha mensaxe nun álbum recordatorio da xornada.
Dano Cerebral Santiago de Compostela organizará tamén a lectura do manifesto o 26 de outubro.
DCA Ourense celebrará unha xornada de portas abertas na asociación ese mesmo día, con actividades ocupacionais, lectura do manifesto e propostas lúdicas.
Con este conxunto de iniciativas, Dano Cerebral Galicia e as súas asociacións membro buscan aumentar o coñecemento social do dano cerebral adquirido, promover a prevención e reivindicar os recursos e servizos necesarios para seguir mellorando a calidade de vida das persoas afectadas e das súas familias.