Retiran máis de medio millón de expedientes para desconxestionar as instalacións xudiciais

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio da Xunta de Expurgación da Documentación Xudicial de Galicia, coa relación de máis de medio millón de expedientes xudiciais que serán obxecto de expurgo coa fin de desconxestionar as instalacións xudiciais da comunidade. A retirada dos arquivos acordouse na última reunión do organismo, desenvolvida o 15 de setembro, en consonancia co informe favorable do departamento competente en materia de patrimonio documental da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
O proceso de expurgo afecta a 513.131 expedientes. A maioría correspóndense con antigos xuízos de faltas e desenvolverase en xulgados de Primeira Instancia e Instrución dos concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, na provincia de Lugo; de Caldas de Reis, Marín, Ponteareas e Vigo, na provincia de Pontevedra; e de Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ourense, A Pobra de Trives, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia, na ourensá. Tamén afecta a recursos de apelación contra xuízos de faltas, contra autos e sentenzas penitenciarios, e contra autos e sentenzas civís nas audiencias provinciais de Pontevedra e Ourense.
Outros expedientes que se expurgarán refírense a recursos de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e de diversos procedementos do Xulgado de Vixilancia Penitenciaria de Lugo.
Outras das series documentais recompilan expedientes de dilixencias previas nos xulgados de Betanzos e Ferrol na provincia da Coruña; nos xulgados de Lugo, Vilalba, Monforte de Lemos e Chantada, en Lugo; nos xulgados de Bande, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ourense, A Pobra de Trives e Verín, en Ourense; e nos xulgados de Caldas de Reis, A Estrada, Pontevedra, Tui e Vigo, en Pontevedra.
Os documentos máis antigos da lista datan de 1968 e os máis novos chegan ata o ano 2015. Os interesados nalgunhas destas actuacións xudiciais terán un prazo de dous meses para recuperar os documentos propios que presentaran no seu día no proceso xudicial ou para obter testemuño e certificación destas actuacións por ter interese lexítimo. Neste prazo deberán presentar unha solicitude por escrito ante a Secretaría da Xunta de Expurgación.
A Xunta de Expurgación está presidida polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ou o maxistrado que o substitúa, e dela forman parte vogais desta entidade, un membro do Ministerio fiscal, un funcionario da Dirección Xeral de Xustiza e un técnico especialista en arquivos e un secretario xudicial.