Ribadavia e Carballeda de Avia estudan unha posible fusión municipal

Os concellos de Ribadavia e Carballeda de Avia están a analizar a posibilidade de iniciar un proceso de fusión municipal, unha opción que se atopa aínda nunha fase preliminar e sobre a que, polo momento, non existe ningunha decisión formal adoptada nin se iniciou o procedemento administrativo necesario para facela efectiva.
As conversas entre ambas administracións céntranse en avaliar a viabilidade económica, xurídica e organizativa dunha eventual integración. De chegar a materializarse, os dous municipios pasarían a constituír unha única entidade local, cun só alcalde, unha única corporación municipal e un orzamento común, mantendo ao mesmo tempo a identidade das parroquias e núcleos de poboación que os integran.
A normativa galega contempla diferentes incentivos para este tipo de procesos co obxectivo de mellorar a eficiencia na prestación dos servizos públicos e reforzar a capacidade financeira dos municipios resultantes. Entre as vantaxes figuran o acceso a axudas específicas, a redución de estruturas administrativas duplicadas e un maior peso institucional.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, valorou positivamente a posibilidade dunha futura integración e lembrou que a Xunta mantén unha aposta decidida por fomentar as distintas fórmulas de cooperación entre concellos. Segundo explicou, o Goberno galego considera favorable calquera iniciativa que xurda do consenso entre os municipios implicados e que contribúa a mellorar a prestación dos servizos á cidadanía.
Calvo indicou que Ribadavia e Carballeda de Avia solicitaron información á Xunta sobre as vantaxes e beneficios asociados a unha eventual fusión. Neste sentido, trasladóuselles a existencia de diferentes mecanismos de apoio económico, técnico e asistencial, tanto por parte da Administración autonómica como das deputacións provinciais.
Desde a Xunta consideran que a cooperación intermunicipal contribúe a incrementar a capacidade financeira dos concellos, mellora a calidade dos servizos públicos e favorece a fixación de poboación no territorio. Ademais, lembran que a futura Lei de Administración Local de Galicia, actualmente en tramitación, reforzará medidas destinadas a impulsar a colaboración entre municipios, mediante o fortalecemento das mancomunidades, a creación de novas áreas funcionais temporais e a continuidade dos incentivos aos concellos fusionados.
O Goberno galego asegura que, de prosperar a iniciativa, Ribadavia e Carballeda de Avia contarían co mesmo apoio que recibiron no seu día os municipios resultantes das fusións de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade, con prioridade no acceso ás axudas públicas e recursos específicos a través do Fondo de Cooperación Local.
No caso de continuar adiante co proxecto, o proceso deberá desenvolverse conforme á lexislación de réxime local. O primeiro paso será a aprobación inicial da proposta polos plenos municipais de ambos concellos, á que seguirían a elaboración da documentación xustificativa, un período de exposición pública e a posterior autorización por parte da Xunta de Galicia.
De concretarse, sería a terceira fusión municipal culminada en Galicia desde a restauración da democracia, tras as unións de Oza dos Ríos e Cesuras en 2013 e de Cerdedo e Cotobade en 2016.