Ribadavia vive con éxito a primeira xornada da Festa da Istoria, que continúa este sábado cunha intensa programación medieval

Ribadavia mergullouse este venres na Idade Media coa primeira xornada da Festa da Istoria, que deixou as rúas da vila cheas de ambiente, música e tradición. Cabaleiros percorreron os diferentes espazos, mentres as pandereteiras puxeron a banda sonora á celebración e os tabaleiros fixeron soar os seus instrumentos por distintos recunchos do municipio.
A primeira xornada quedou así marcada pola participación e polo ambiente festivo, con veciños e visitantes compartindo as actividades e contribuíndo a recrear durante unhas horas o pasado medieval de Ribadavia. A organización destaca o carácter colectivo da celebración, que busca que a Istoria se viva nas rúas e coa participación de toda a cidadanía.
A festa continúa este sábado, 29 de agosto, cunha ampla programación que arrincará ás 10.30 horas coa apertura do Mercado Medieval e do Banco da Alhóndiga.
Ás 11.00 horas terá lugar o Gran Desfile da Istoria, seguido do pregón, dando paso a unha xornada na que se sucederán diferentes propostas relacionadas coa historia e a tradición medieval da vila.
A partir das 12.00 horas abrirá o castelo, onde se poderán desfrutar de actividades como tiro con arco, teatro, cetrería e demostracións de antigos oficios. Ás 12.30 horas será a quenda do baile medieval na Praza Maior.
A programación continuará ás 13.00 horas co xadrez vivente e a comitiva da voda xudía, mentres que ás 13.30 horas se celebrará un duelo de cabaleiros. Ás 14.00 horas terá lugar a recreación da voda xudía e, media hora despois, ás 14.30 horas, haberá unha exhibición de cetrería acompañada dunha comida medieval.
Xa pola tarde, ás 16.00 horas, celebrarase o Certame de Vestimenta Medieval. A programación continuará ás 17.30 horas coa presenza dos tabaleiros polas rúas de Ribadavia e rematará, ás 18.30 horas, coa tradicional Carrera de Pipotes.
A Festa da Istoria afronta así unha nova xornada coa intención de manter o ambiente medieval nas rúas de Ribadavia e ofrecer aos veciños e visitantes unha programación na que se combinan recreación histórica, música, espectáculos e tradición.
"Que viva a Istoria!", proclama a organización ante unha celebración que, despois do éxito da súa primeira xornada, aínda ten por diante boa parte da súa programación.