Ribadeo converteuse nun punto de encontro do Correlingua coa participación de trece centros da Mariña

Ribadeo viviu este mércores unha nova edición do Correlingua, unha iniciativa que reuniu alumnado de distintos puntos da Mariña nunha xornada centrada na promoción e defensa do uso da lingua galega. A cita congregou estudantes de trece centros educativos da comarca, que participaron en diferentes actividades lúdicas e reivindicativas ao longo da mañá.
O lema escollido para esta edición, “Co galego no corazón facemos revolución”, marcou unha celebración que combinou música, animación e participación colectiva co obxectivo de fomentar o uso do galego entre a mocidade.
A programación arrancou no parque de San Francisco cun espectáculo musical de Paco Nogueiras dirixido ao alumnado de infantil e primaria. Mentres, os estudantes dos institutos percorreron as rúas da vila nunha marcha pola lingua que rematou tamén no mesmo espazo cunha gran festa final.
Durante o acto central, cinco alumnas e alumnos do IES Dionisio Gamallo encargáronse da lectura do manifesto do Correlingua, no que se reivindicou o valor do galego como elemento de identidade, comunicación e cohesión social. A xornada completouse coa actuación musical da banda Sniff&Crash.
Na convocatoria participaron estudantes do IES Plurilingüe San Rosendo, CEIP Álvaro Cunqueiro, IES Perdouro, IES Monte Castelo, IES Dionisio Gamallo, CIFP Porta da Auga, CEIP Plurilingüe Gregorio Sanz, CPR Sagrado Corazón de Xesús, CEIP Península da Paz, IES Marqués de Sargadelos, IES Illa de Sarón, CEIP Juan Rey e CEIP Santa María do Valadouro.
Ao encontro asistiu tamén a deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, quen destacou a elevada participación do alumnado e do profesorado nesta convocatoria arredor da lingua galega.
O Correlingua continúa así o seu percorrido pola provincia cun programa de actividades que aposta pola convivencia entre centros educativos e pola promoción do galego a través da música, o lecer e a participación xuvenil. A próxima cita desenvolverase o 27 de maio na cidade de Lugo.